“Pon unha foto na rúa” lembrará o 25 de maio os decorados do fotógrafo Gabriel Alonso “O Potiños”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A tradicional conmemoración do Día dos Museos que leva a cabo tódolos anos a asociación ‘O Potiños’ terá lugar no Carballiño o domingo 25 de maio, nesta ocasión cunha lembranza especial de Gabriel Alonso, cuxo alcume dálle nome a este colectivo de afeccionados ao mundo da fotografía. O salón de actos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición de “Pon unha foto na rúa”, na que participaron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente de ‘O Potiños’, Manuel Blanco, ademais de Andrea Cid, unha xove que vén de incorporarse a esta agrupación carballiñesa.

Diego Fernández subliñou que “O Potiños sempre reivindica a fotografía coma expresión artística, e para nós é un orgullo que leven o nome do Carballiño polo exterior”, e engadíu que “a xornada do 25 de maio poña luz despois do apagón”. Pola súa banda, Manuel Blanco comentou que “o último domingo de maio estaremos de 10,00 a 14,00 horas na Rúa do Paseo e na Praza Maior para retratar a calquera persoa que o desexe e á que logo lle faremos entrega da súa fotografía”.

Coma novidade, adiantou que “a xeito de homenaxe ao fotógrafo Gabriel Alonso, ‘O Potiños’, colocaremos unhas lonas semellantes ás que él utilizaba como decorados figurados para facer os retratos da xente na propia rúa”. Blanco agradeceu a colaboración do Concello, da Deputación Provincial e do Centro Comercial Aberto (CCA) para organizar esta actividade que xa está consolidada no tempo, dentro da programación deste ano que rematará co Arenteiro Fotográfico.

O acto tamén servíu para coñecer a Andrea Cid, un dos novos valores de ‘O Potiños’, una estudante de Fotografía con experiencia no eido deportivo e que asegura sentirse ben acollida na súa incorporación a este colectivo.