A área de Educación e Normalización Lingüística do Concello do Carballiño vén de programar para mañá domingo, 11 de maio, un concerto de música tradicional galega para conmemorar o Día das Letras Galegas deste ano 2025. Deste xeito, está prevista a actuación do grupo ‘Carmela’, que ofrecerá o seu espectáculo musical “Vinde todas”, que terá lugar a partir das 19,30 horas no Auditorio Manuel María, escenario alternativo que substitúe ao anfiteatro da praza da Veracruz, previsto inicialmente e agora desbotado ante a previsión de choiva.
Este concerto enmárcase no programa ‘FalaRedes’ promovido pola Rede de Dinamización Lingüística, tendo en conta que o 17 de Maio está adicado ás pandereteiras, e, a través delas, a tódalas mulleres que crearon e interpretaron poesía popular galega e transmitiron con ela a lingua propia de Galicia.
‘Carmela’, integrado por Carme López, Sara Méndez e Camille Hedouin. é un proxecto musical que parte da tradición, das informantes e dos arquivos musicais, pero que a entende como un ente flexible e moldeable que se adapta ao contexto actual a través de sons que viaxan desde as percusións ata referencias electrónicas.Trátase dunha proposta diferente no seu discurso tanto musical coma extramusical que sitúa a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro.
O traballo “Vinde todas” persegue a visibilización das informantes e mestura o arranxo e interpretación musical coa investigación e análise etnomusicolóxica, pois os timbres e harmonías escóllense a través da comprensión dos usos e funcións primixenios das melodías.