Ribadavia celebra a ‘Feira Revive’ e súmase á celebración das Letras Galegas con descontos, obradoiros e música

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia prepara unha intensa axenda de actividades con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora este sábado 17 de maio, e que este ano rende homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral. Unha das iniciativas destacadas é o desconto do 20% en libros en galego nas librarías Goyma, Mafranch e Follas Novas de Ribadavia. Esta rebaixa, activa desde o 12 ata o 17 de maio, será asumida polo propio Concello co obxectivo de incentivar tanto a lectura en galego como o comercio local.

A homenaxe ás cantareiras terá especial protagonismo o sábado 17 cun obradoiro intensivo de pandeireta, que se celebrará no antigo colexio da Alameda en horario de 10,00 a 14,00 horas, e de 16,00 a 20,00 horas. A actividade é gratuíta, aberta a todas as idades e niveis, e non require experiencia previa. As persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de maio a través do WhatsApp 649 74 85 09, xa que as prazas son limitadas.

A programación do Día das Letras Galegas coincide ademais coa celebración da cuarta edición da ‘Feira Revive do Ribeiro’, un evento de suprarreciclaxe e consumo consciente, que terá lugar os días 17 e 18 de maio na Igrexa da Madalena. Nesta cuarta edición, a feira incorpora tamén actividades vinculadas á conmemoración das Letras Galegas. Así, o sábado 17, ás 12,30 horas, terá lugar a actuación das Pandereteiras da Istoria; ás 17,00 horas, o obradoiro de construción dun pandeiro vegano impartido por Troula; e ás 19,30 horas, o DJ Chemigal ofrecerá unha sesión con música exclusivamente de artistas galegos.

A estas propostas súmase a exposición “Canta que cadramos ben”, que se pode visitar na Biblioteca Municipal de Ribadavia durante estes días. Trátase dunha mostra e unha unidade didáctica promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co fin de achegar á cidadanía o legado das cantareiras e da literatura popular oral. Esta exposición, elaborada polo IES Castelao, de Vigo; foi premiada no Concurso das Letras Galegas 2025 na categoría de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial. Un proxecto que pon en valor o patrimonio inmaterial que representa a tradición oral galega, conservada e transmitida por tantas mulleres desde o anonimato.

Con esta programación diversa e comprometida coa cultura galega, Ribadavia súmase un ano máis á celebración das Letras Galegas, promovendo a lingua, a música tradicional e o comercio local.