O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitou á Garda Civil polo “minucioso e rigoroso traballo” que permitiu desarticular unha organización criminal dedicada presuntamente a cometer roubos no interior de vivendas habitadas e ao cultivo de drogas. Así se expresou durante a rolda de prensa ofrecida este xoves xunto ao tenente coronel xefe da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, e ao capitán da Unidade Organizada da Policía Xudicial, Juan José López Castro.
Na convocatoria, o subdelegado e os axentes deron a coñecer os pormenores da Operación Vértigo, cuxa investigación durou dez meses e culminou coa detención de nove persoas. Os arrestados estaban a ser investigados pola Garda Civil de Ourense polos roubos perpetrados nas localidades de Beariz e Avión no mes de xullo do ano pasado, e qu supuxeron un botín valorado en 500.000 euros.
Eladio Santos explicou que a Garda Civil atribúe aos detidos 14 delitos contra o patrimonio (roubo no interior de vivendas habitadas), integración en organización criminal, tenencia ilícita de armas, branqueo de capitais e tráfico de drogas. “Realizáronse diferentes rexistros en varias provincias do territorio nacional, Barcelona, Tarragona e Castellón”, detallou.
Nas inspeccións, engadiu o subdelegado, “interviñéronse tres armas curtas; cinco plantacións de marihuana cun total de 2.100 plantas; 10 quilogramos de hachís e100 quilogramos de marihuana xa envasada e lista para a súa distribución; máis de 7.000 euros en efectivo, e material químico para o procesamento de ouro”.
Santos destacou que a desarticulación desta organización criminal dedicada ao roubo en vivendas en todo o territorio nacional e ao tráfico de drogas “pon de manifesto a profesionalidade e a coordinación das Unidades de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense e da Unidade de Policía Xudicial da Zona de Cataluña”. Ademais, confiou en que “a actuación permitirá que quen atentou en prexuízo do patrimonio da cidadanía terá que facer fronte á responsabilidade que diso deriva”.