A Xunta porá en marcha en 2025 Vilas vivas, unha iniciativa de comercio de atracción orientada a revitalizar contornos comerciais urbanos de vilas senlleiras e estimular a afluencia de visitantes, enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. O programa comezará cunha experiencia piloto no concello de Ribadavia —que solicitou a súa adhesión no marco da aposta do municipio pola reactivación do comercio local— e funcionará como modelo inicial para a súa posterior continuidade noutras localidades galegas con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio como motor económico. Con este fin, o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio bianual dotado con preto de 590.000 euros con este municipio ourensán. O acordo permitirá testar o impacto do proxecto —cuxas actividades arrincarán no último trimestre do ano— ao tempo que contribuirá á dinamización do tecido comercial de Ribadavia e a incentivar o fluxo de persoas, favorecendo sinerxías con outros sectores como o turismo e a gastronomía.
Vilas vivas é unha das máis de 70 actuacións recollidas no dito Plan estratéxico —xunto con outras medidas de comercio de atracción, como a potenciación das prazas de abastos— e está pensada para impulsar aquelas vilas e cabeceiras de comarca singulares que dispoñen de gran valor patrimonial e dunha alta concentración de locais comerciais pechados. O obxectivo é pór en marcha un proxecto integral de impulso comercial mediante a recuperación de baixos sen actividade, alugándoos, acondicionándoos e promovendo o seu uso por parte de comerciantes e artesáns en formatos rotativos. Así, a adhesión de Ribadavia a Vilas vivas permitirá impulsar o seu núcleo urbano medieval —declarado Conxunto Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural— e potenciar visitantes a través de experiencias efémeras, afondando nos vencellos entre comercio, artesanía e restauración, que se sumarán ao resto da oferta da vila, capital do Ribeiro, e contribuirán ao fomento do emprendemento local ligado ao territorio.
Fases de execución do convenio
O convenio conta cun orzamento de 589.050 euros, distribuído en dúas anualidades, e estenderase ata decembro de 2026, baixo a coordinación da Xunta a través da Oficina Técnica de Vilas vivas. Durante a primeira fase de execución, que comeza agora, o Concello de Ribadavia encargarase da selección e posta á disposición dos locais en desuso en que se desenvolverá a proposta, que serán alugados ás persoas propietarias por un mínimo de dous anos prorrogables e que se sumarán a outros de titularidade municipal que tamén formarán parte do proxecto, como a igrexa da Madalena. O seguinte paso consistirá na licitación e execución dos contratos para o acondicionamento destes baixos para o seu uso comercial. Tamén se avanzará noutras actuacións complementarias dirixidas á dixitalización ou á integración do resto comercios xa en funcionamento, favorecendo unha imaxe unificada e homoxénea.
Completadas estas actuacións, terá lugar a selección de participantes mediante concorrencia pública e criterios obxectivos, co fin de garantir a rotación, diversidade e participación aberta dos comerciantes e obradoiros interesados. Tamén se executarán actuacións encamiñadas á decoración e sinalización das rúas.
En paralelo, a Oficina Técnica do proxecto, en coordinación do concello de Ribadavia, artellará unha programación e un calendario de apertura e de dinamización comercial, co obxectivo de que se dea inicio no último trimestre deste ano. Cómpre sinalar, ademais, que no marco do convenio a Xunta apoiará tamén accións formativas para o tecido comercial, así como os custos de persoal de apoio vencellado ás actividades de dinamización.
Artesanía, saber e sabor
O potencial do comercio como motor dinamizador de Ribadavia xa se fixo patente coa organización, en decembro pasado, do mercado Artesanía, saber e sabor, promovido pola Xunta e que transformou durante tres días o núcleo histórico nun espazo comercial de produtos artesáns e agroalimentarios, combinando vendas con actividades culturais e obradoiros. A acollida foi un éxito, xerou un importante impacto na vila e serviu de antesala para o enfoque de revitalización que agora persegue Vilas vivas, co obxectivo de estendelo posteriormente a outros enclaves de Galicia de similares características.