O Concello do Carballiño vén de recibir de Sogama unha partida de 50 composteiros, que serán entregados ás familias residentes no municipio que así o soliciten. Os requisitos para participar son ter a primeira residencia no Concello do Carballiño e dispor dun mínimo de 50 metros cadrados de horta ou xardín, e comprometerse a facer un uso responsable do composteiro, de xeito que só se destinará única e exclusivamente ao tratamento de residuos orgánicos.
Asemade, este material subministrado polo Concello carballiñés non poderá ser cedido a terceiros en ningún caso, tanto sexa de xeito oneroso ou gratuíto, e os seus depositarios deberán aceptar calquera labor de supervisión destinada a comprobación do seu emprego.
Tamén se contempla nos requisitos aceptar a participación no programa de seguimento e visitas domiciliarias a fin de monitorizar o proceso de compostaxe, coa finalidade de recibir a formación necesaria para tratar os restos orgánicos da vivenda e así poder obter abono orgánico.
As solciitudes para participar neste programa presentaranse nas oficina da Área de Medio Ambiente do Concello do Carballiño, en horario de 8,30 a 14,30 horas, abríndose un prazo o vindeiro luns, día 2, que rematará o día 20 de xuño.