O vindeiro domingo 1 de xuño, ás 12,30 horas, o Local do Pobo de Barbantes, en Cenlle, acollerá un acto público en defensa da sanidade pública, no marco da campaña nacional impulsada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) baixo o lema “Non deixemos que o PP destrúa a nosa sanidade pública. Denfendámola!”. O acto está organizado polo BNG de Cenlle e contará coa participación de profesionais do ámbito sanitario e representantes institucionais no Parlamento da Galiza. Intervirán o enfermeiro Diego Carrizo e Iria Carreira e Noa Presas, deputadas do BNG no Parlamento de Galicia.
O BNG considera que “a situación da sanidade pública galega é crítica como consecuencia directa das políticas do Partido Popular, que apostan polos recortes, a privatización e o abandono das zonas do interior e do rural”, que, “coma no caso da comarca do Ribeiro e concellos como Cenlle, levan anos padecendo a perda de servizos, o peche de puntos de atención e a sobrecarga dos centros de saúde”.
O BNG de Cenlle organiza este acto “como chamada á mobilización social para frear o
desmantelamento do sistema sanitario e defender un modelo público, universal, de
proximidade e con recursos suficientes para garantir unha atención digna”. Desde a organización nacionalista fan un chamamento á veciñanza do Ribeiro a participar activamente
neste acto, como mostra de compromiso colectivo co dereito á saúde e contra as políticas
que precarizan e destrúen o que é de todas e todos.