O proxecto ‘Vilas vivas’ promocionará o comercio de Ribadavia e porá en valor a riqueza vitivinícola, patrimonial e termal do Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, asinaron esta tarde o convenio de colaboración entre a Xunta e este municipio para desenvolver en Ribadavia unha experiencia piloto do proxecto de dinamización comercial Vilas vivas, que o Goberno galego estenderá posteriormente a outras localidades galegas que, como Ribadavia, contan con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio como motor económico. A esta colaboración bianual -con vixencia ata decembro de 2026-, o Executivo autonómico destina preto de 590.000 euros e o obxectivo, segundo sinalou o conselleiro, é iniciar as actuacións de dinamización comercial no último trimestre deste ano.

Nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o conselleiro destacou que con Vilas Vivas búscase potenciar contornas comerciais de vilas senlleiras dando unha nova vida a baixos en desuso e estimular a afluencia de visitantes. En Ribadavia está previsto reactivar máis dunha ducia de locais, ademais dos de titularidade municipal que formarán parte da iniciativa, como a igrexa da Magdalena –marco da sinatura da convenio–.

Apoiándose na capacidade tractora desta medida, apóstase por favorecer sinerxías entre o comercio –o efémero e o que xa está en funcionamento-, os recursos endóxenos, espazos como a Praza de Abastos –que a Xunta tamén impulsa a través da orde de apoios de Mercados Excelentes– e ferramentas como Artesanía de Galicia. O conselleiro puxo de relevo o “tremendo potencial” de Ribadavia para impulsar o comercio local, definindo Vilas Vivas coma unha plataforma para dialogar coa riqueza vitivinícola, patrimonial, cultural, gastronómica ou termal da vila e a súa contorna, construíndo unha “experiencia integral” para atraer visitantes, contando tamén coa capacidade mobilizadora da Alta Velocidade.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Detalles do convenio

Vilas vivas forma parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e o acordo con Ribadavia —que solicitou a súa adhesión no marco da aposta do municipio pola dinamización do comercio local—permitirá testar o impacto do proxecto.  Agora comeza a 1º fase da colaboración, na que o Concello se encargará da selección e posta a disposición dos locais que serán recuperados alugándoos, acondicionándoos e promovendo o seu uso por parte de comerciantes e artesáns en rotación. Neste sentido, alugaranse os locais ás persoas propietarias por un mínimo de 2 anos prorrogables, sumándose a eles outros espazos municipais coma a propia igrexa da Magdalena.  

O seguinte paso será a licitación e execución dos contratos para o acondicionamento destes baixos para o seu uso comercial. Tamén avanzará en actuacións complementarias dirixidas á dixitalización ou á integración do resto de comercios xa en funcionamento, favorecendo unha imaxe homoxénea. Completadas estas accións, seleccionaranse aos participantes mediante concorrencia pública e criterios obxectivos, co fin de garantir a rotación, diversidade e participación aberta dos comerciantes e obradoiros interesados. Tamén se executarán actuacións de decoración e sinalización das rúas.

A Xunta asesorá ao Concello a través da Oficina Técnica de Vilas Vivas, artellarando ambas partes unha programación e un calendario de apertura e de dinamización comercial. Ademais, o Goberno autonómico apoiará accións formativas para o tecido comercial, así como os custos de persoal de apoio vencellado ás actividades de dinamización.

Canle de comunicación para suxestións

Coa finalidade de reforzar este espazo de colaboración e de potenciar estes recursos con Vilas Vivas, o conselleiro avanzou que a Xunta abrirá unha canle  de comunicación vía mail para que as persoas comerciantes, produtoras e artesás interesadas envíen as súas suxestións co fin de sacar máximo aproveitamento da iniciativa.  

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------