A petición foi formulada en Mesa de Calidade por parte da vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras e logo tamén elevada á Comisión de Seguimento por parte da presidenta do GDR. En ambas reunións acordouse por unanimidade
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presidiu na Casa Grande de Viloira, en O Barco, a reunión desta comisión, onde se liquidou a anualidade 2024 e se fixaron as actuacións previstas para este ano
Tamén tivo lugar una reunión da mesa de calidade do xeodestino onde se aprobou a distinción de 13 novos servizos que superaron a fase de formación e se elevarán ao comité de distinción nacional do SICTED que terá lugar en xuño
O Barco de Valdeorras, 29 de maio de 2025.
A Casa Grande de Viloira albergou unha reunión da Comisión de Seguimento, así como da Mesa de Calidade do Xeodestino de Trevinca-Valdeorras, integrado polos municipios de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.. As reunións estiveron presididas polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, ás que tamén asistiu a xerente deste órgano da Deputación, Emma González.
En ambas reunións acordouse, por unanimidade, a adhesión ás reivindicacións sobre as paradas e horarios do AVE na estación de A Gudiña – Porta de Galicia. Esta solicitude foi formulada en Mesa de Calidade por parte da representante da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez e logo trasladada á Comisión de Seguimento por parte da presidenta do GDR de Valdeorras, María del Carmen González. Con este posicionamento, o Xeodestino de Trevinca-Valdeorras amosa públicamente a súa preocupación ante o anuncio de Renfe de reducir frecuencias e eliminar paradas de tren AVE en A Gudiña, co prexuízo económico, de conectividade e estratéxico que suporá para este territorio en particular e a provincia en xeral.
Comisión de seguimento
Entre os asuntos que se abordaron aprobouse a liquidación da anualidade 2024, realizando tamén un balance das accións desenvolvidas como foron a creación dunha nova guía turística que abarca os 9 municipios do Xeodestino, a formación e creación de ecoexperiencias que foron presentadas o pasado mes de abril e actividades divulgativas do enoturismo realizadas na cidade da Coruña para estimular o turismo de proximidade especialmente en época baixa.
As accións previstas para este ano, e aprobadas pola comisión terán como obxectivos a creación de produto turístico enfocado a turismo agroindustrial ou enoturismo; diferentes actuacións de promoción como é o caso da participación en feiras sectoriais ou a elaboración dun plan de comunicación e redes sociais. Así como a elaboración dunha guía de rutas de sendeirismo nos municipios integrantes do Xeodestino; así como a continuación dos procesos de captación e formación dos servizos turísticos no Sistema Integral de Calidade Turística.
Mesa de calidade
Tamén tivo lugar unha reunión da mesa da calidade do Destino Trevinca-Valdeorras vén de aprobar tamén a distinción de 13 novos servizos que superaron a fase de formación e avaliación do Ciclo 1 e elevaranse ao comité de distinción nacional de SICTED que terá lugar en xuño, así como o paso ao segundo ciclo de 9 dos servizos turísticos que foron distinguidos no 2024.
Esta mesa de calidade está presidida polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández e nela están integrados tamén a deputada provincial e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) de Valdeorras, María del Carmen González Quintela; a xerente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Teresa García Paradelo; o representante da Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia (AGAVI), Benito Domínguez, que precisamente hoxe tomou posesión nesta mesa; as representantes da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrar Rodríguez e Cristina Núñez Prada; Marcos Pérez Rivas, da Asociación de Hostalería e Turismo de Trevinca; e o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo.–