A Xunta financiou un vehículo ‘eco’ para os servizos ambientais do Concello de Beade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Beade, ao que se lle concedeu unha achega de máis de 17.500 euros para a adquisición dun vehículo eco destinado á realización de servizos ambientais ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano contou cun orzamento de 11,2 millóns de euros.

Segundo indicou Natalia Prieto, a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos é un dos principais obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental.

Tamén se puideron acoller ao FCA campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais ou melloras de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga.

Outras iniciativas subvencionables son as infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais (centros de interpretación, aulas de natureza, paseos, áreas recreativas, rutas de sendeirismo…), as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal e axudar a cubrir os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.

A través do Fondo de Compensación Ambiental contribúese a acadar unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e, ao mesmo tempo, un descenso na factura de enerxía dos concellos. O FCA conta con dúas liñas, unha non competitiva, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou afectados pola conexión ou vía de evacuación, e a liña competitiva, destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais que presenten os seus proxectos.

A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, á que pertence o concello de Beade, tamén foi beneficiaria dunha axuda de 34.500 euros para sufragar os custos de mantemento dos servizos de recollida de lixo, lumes e inversións asociadas.

A directora xeral de Administración Local puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución este ano pasado de máis de 32 millóns de euros na execución de case 700 proxectos municipais. Neste montante inclúense os 93 concellos de menos de 15.000 habitantes beneficiarios da liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local de máis de 5 millóns de euros cos que precisamente tamén levar a cabo traballos de eficiencia enerxética; as 104 entidades financiadas cos 3,5 millóns da Orde de infraestruturas de uso público; as máis de 200 que recibiron achegas do Fondo de Compensación Ambiental, ou os 20 proxectos de carácter estratéxico financiados con máis de 8,2 millóns de euros. Por outra parte, 185 concellos obtiveron axudas por 1,5 millóns ao abeiro da orde de socorrismo e outros 11 da destinada á contratación de auxiliares de Policía Local.