Carme da Silva propón crear en Galiza unha base de mantemento de trens de alta velocidade e frear a perda de servizos ferroviarios públicos
O BNG reclama garantías para os 32 postos de traballo do taller de Renfe en Ourense ante a ameaza de externalización do mantemento de locomotoras
Madrid, 29 de maio de 2025. O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativa nas Cortes do Estadopara reclamar ao Goberno explicacións e medidas concretas fronte á decisión de Renfe de licitar a externalización do servizo de reparación e mantemento de 65 locomotoras de mercadorías, das cales 26 están actualmente asignadas ao taller de Ourense. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende a idea de crear unha base fixa na Galiza para o mantemento dos trens de alta velocidade.
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que esta licitación, cun importe de 70 millóns de euros e unha duración de cinco anos, supón unha ameaza directa para os 32 traballadores do taller ourensán, que xa manifestaron a súa fonda preocupación pola falta de información e a incerteza sobre o futuro do seu centro de traballo. “Estamos ante un novo paso na privatización encuberta do servizo de mantemento ferroviario, que pode deixar sen funcións un taller fundamental para Galiza”, advertiu a senadora nacionalista.
Da Silva exixe ao Goberno e a Renfe que aclare con urxencia cal será o impacto desta externalización sobre a base de Ourense, tanto en carga de traballo como na continuidade dos postos. “O Goberno non pode permanecer impasíbel mentres se precarizan os empregos e se baleiran de contido instalacións públicas estratéxicas” afirma
A través da súa iniciativa, o BNG reclama que se garanta a continuidade dos 32 postos de traballo no taller de Ourense, así como as súas funcións actuais. A formación nacionalista tamén exixe que se forneza información transparente e puntual á representación sindical sobre os plans de futuro para esta base.
“Non aceptamos que a Galiza continúe sufrindo perdas industriais mentres se concentran recursos e servizos en Madrid. Xa se pecharon os talleres da Coruña e de Monforte. Non podemos permitir outro retroceso” denuncia da Silva.
O BNG tamén insta o Goberno a paralizar esta licitación e reconsiderar o modelo de mantemento das locomotoras de mercadorías, apostando pola xestión pública e polos recursos técnicos e humanos xa existentes. Ademais, a formación galega lanza unha proposta estratéxica para o futuro: a creación dunha base de mantemento de trens de alta velocidade en Galiza.
“Se Renfe precisa novas instalacións para o mantemento de alta velocidade, Galiza ten capacidade, persoal cualificado e infraestruturas ferroviarias que deben ser aproveitadas. Non pode seguir sendo unha periferia servinte de Madrid” conclúe a senadora do BNG.