O pleno da Corporación municipal de Ribadavia aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos, o cambio de nome da actual rúa Muñoz Calero, que pasará a denominarse rúa Castelao. Con esta decisión, que xa fora avalada na comisión correspondente a semana pasada, a corporación municipal dá luz verde definitiva a unha medida que combina o cumprimento da Lei de Memoria Democrática co recoñecemento institucional a unha das figuras máis relevantes da cultura e da historia de Galicia.
A actual rúa Muñoz Calero —unha das principais vías do municipio, con 97 edificios numerados— leva o nome dun médico e político que ocupou diversos cargos durante a época franquista, entre eles o de presidente da Organización Médica Colexial de España e procurador nas Cortes. O seu nomeamento no rueiro de Ribadavia respondía a unha lóxica simbólica da ditadura que agora se revoga definitivamente, completando así a revisión toponímica de espazos públicos impulsada polo Concello en cumprimento da normativa estatal de memoria democrática.
A nova denominación, rúa Castelao, honra a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, autor de Sempre en Galiza, debuxante, político e símbolo da Galicia contemporánea. A escolla do seu nome enmárcase ademais no contexto do ‘Ano Castelao’, declarado oficialmente pola Xunta de Galicia neste 2025, e supón un acto de xustiza histórica e de afirmación colectiva da identidade galega.
Na mesma sesión plenaria, a Corporación aprobou tamén unha declaración institucional de carácter humanitario relacionada coa situación na Franxa de Gaza, na que expresou o seu “repudio a todo acto e acción que provoque tan graves violación dos dereitos humanos” así como a súa preocupación pola perda de vidas civís, especialmente de nenos e nenas. A declaración insta tamén á comunidade internacional a “impoñer o cumprimento das normas do Dereito Internacional Humanitario e o cese definitivo da violencia”.