Os membros de Espazo Común aseguran nun comunicado de prense que, a pasada fin de semana “tivemos que ver como eramos atacados por cargos do PSOE incluso dende contas oficiais dese partido polo mero feito de solicitar un pleno extraordinario no que tratar a moción sobre transfuguismo que non se puido debater a semana pasada pola ausencia repentina do alcalde Fumega”.
“Tanto Rafael Rodríguez Villarino, senador e ata fai pouco secretario provincial (él foi o promotor da expulsión inmediata das dúas concelleiras do Irixo que pactaron co PP) coma o PSOE de Leiro a través das súas canles oficiais atacaron cunha saña fóra de lugar ao noso partido, nun comportamento ou pataleta propia de ditadorciños que non toleran que non se pense coma eles”, subliñan dende Espazo Común.
E matizan que “quen anuncia que non autoriza o pacto co PP no Carballiño é o PSOE, quen anuncia que expulsa a Fumega por non seguir as directrices do partido é o PSOE”. Engaden que só desexan “que a situación do Carballiño se aclare dunha vez por respecto a este pobo, porque non é igual ter un alcalde tránsfuga que non telo, ou o Pacto Antitransfuguismo será papel mollado”.
Polo tanto, dende Espazo Común conclúen que “máis alá dos berrinches destas persoas, é necesario que o PSdeG-PSOE coma organización se aclare dunha vez e que resolva nun sentido ou noutro a situación de Fumega e os seus cinco concelleiros”.