Tal e como anunciou o presidente provincial, Luis Menor, esta liña de achegas pasa de 35.000 a 100.000 euros, “pola importancia do movemento veciñal en Ourense”
Luis Menor tamén explicou que a Deputación, a través de Tragsa, xestionará os ecobarcos, para os que se aprobaron tamén os prezos públicos, ao igual que os das Escolas Deportivas de Verán no Pazo Paco Paz
A Xunta de Goberno desta mañá mobilizou 647.720 euros, dos que 431.468,38 euros foron destinados á cooperación cos municipios, así como 176.251,6 euros a axudar a diferentes entidades deportivas e culturais
Tamén foron aprobadas as bases e convocatoria para a realización de festivais, ciclos mostras ou actividades análogas (60.000 euros)
A sesión desta semana resolveu tamén as axudas para deportistas individuais, (40.000 euros) Un total de 40 deportistas da nosa provincia recibirán entre 1.600 euros e 500 euros de subvención pola súa destacada traxectoria en diferentes categorías de todo tipo de disciplinas deportivas
Ourense, 2 de xuño de 2025.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa sesión ordinaria semanal, vén de aprobar as bases e convocatoria para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense. Tal e como explicou o presidente provincial na comparecencia ante os medios de comunicación, esta liña de axudas triplica a súa dotación orzamentaria, pasando de 35.000 a 100.000 euros, debido a que “cremos na importancia do movemento veciñal en Ourense”. Ademais, como novidade, as asociacións que soliciten estas axudas poderán dedicalas a pequenas obras (a axuda tería un máximo de 5.000 euros, sendo de 10.000 euros se tamén inclúe equipamento).
Cooperación cos concellos e entidades
Este foi un dos 21 asuntos que se aprobaron hoxe en Xunta de Goberno, onde se mobilizaron 647.720 euros, dos que 431.468,38 euros foron destinados á cooperación cos municipios da Veiga, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Cortegada, Taboadela e Viana do Bolo. Destaca precisamente a axuda para este último, de 150.000 euros, para a construción do campo de fútbol de herba artificial “As Carrelas”. Arranxo de vías e camiños, mellora de zonas recreativas e infantís, humanizacións, saneamento e equipamentos deportivos centran estas axudas.
No que atinxe á cooperación con diferentes entidades deportivas e culturais, destináronse 176.251,6 euros a Bolanda Edicións (36.251,60 euros), a Asociación Casino de O Barco (20.000 euros), a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ourense (15.000 euros), a Asociación Deportiva Bosco (30.000 euros), o Club Balonmán Ribeiro (40.000 euros) e a Unión Deportiva Ourense (35.000 euros), que reciben achegas para gastos de funcionamento e para diferentes acondicionamentos nas súas sedes.
Prezos públicos de servizos
Na mesma sesión da Xunta de Goberno aprobáronse os prezos públicos de dous servizos prestados pola Deputación: as escolas deportivas de verán e os ecobarcos para rutas turístico-fluviais nos encoros de Castrelo de Miño, Frieira e As Conchas.
Para ás escolas deportivas de verán, o prezo máximo será de 45,26 euros por usuario e semana.
O prezo dos ecobarcos será de 14€/persoa, sendo a metade (7€) para os menores de 14 anos. Os membros de familia numerosa terán un prezo de 10€, igual que o de persoas con discapacidade. Para alugamentos particulares, poderanse alugar durante medio día (6h máximo) por 100 euros, ou o día completo (10 horas máximo) por 180 euros. As axencias de viaxes e empresas adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino Ourense Termal (SICTED) terán prezos de 80 euros para medio día e de 150 euros para o día completo.
Por último, resolvéronse as axudas para deportistas individuais, liña de subvencións dotada con 40.000 euros. “Un total de 40 deportistas da nosa provincia recibirán entre 1.600 euros e 500 euros de subvención pola súa destacada traxectoria en diferentes categorías de todo tipo de disciplinas deportivas”.