Un pai do lugar de Bertamil, na parroquia de Santa Uxía de Lobás tivo que improvisar una marquesiña para que os seus fillos poidan acollerse mentres agardan polo transporte escolar, según vén de denunciar o Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño. A decisión de construír o refuxio foi tomada tras solicitar formalmente ao Concello a instalación dunha marquesiña nova ou o traslado até Bertamil de algunha das moitas que hai sen uso por todo o municipio.
Como solución alternativa tamén solicitou á empresa encargada do transporte escolar
modificar as paradas para, desprazándose tan só uns 100 metros máis arriba da parada
asignada, poder recoller os cativos diante do seu domicilio, sen atopar tampouco neste
caso, unha resposta afirmativa. Dende o BNG, a través da súa concelleira na Corporación Municipal, Sofía García, solicitaron na sesión plenaria do pasado xoves, 29 de maio, “unha solución que pasa, ao noso entender, pola instalación dunha parada digna para os veciños e veciñas de Bertamil”, subliñan dende a formación nacionalista.
De non obter unha resposta a esta petición, o BNG adianta que “acudiremos a outros organismos (Consellaría de Educación ou Deputación de Ourense para buscar canto antes a solución máis axeitada ao problema”. Finalmente, lembran ao equipo municipal de goberno (PSOE e PP) do Carballiño “a obriga de dotar dos mellores servizos públicos posíbeis a todas e todos os habitantes do noso concello, independentemente do lugar onde se resida”.
“Como senón se pode falar da perentoria necesidade da volta ao rural se quen toma esta decisión se sente discriminado pola falla deses servizos”, conclúen dende o BNG carballiñés.