O Concello de Ribadavia, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e co colaboración de Taberna Treixadura, Bar Kopa, a Cruz Vermella e outras entidades locais, pon en marcha unha programación especial con motivo da celebración do Mes do Orgullo LGTBQIA+, que se desenvolverá ao longo do mes de xuño. Esta iniciativa pretende visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero, ao tempo que promove espazos de encontro, sensibilización e celebración abertos a toda a comunidade.
A proposta combina actividades culturais, educativas e lúdicas que se levarán a cabo en diferentes espazos da vila, poñendo en valor a pluralidade e a inclusión como principios fundamentais da vida comunitaria. A programación arranca o venres 6 de xuño coa proxección da película “Hedwig and the Angry Inch” na Praza de Abastos, ás 19,00 horas.
O sábado 7 de xuño ás 20,00 horas terá lugar a enfatización das rúas, unha acción participativa de decoración urbana desde a Taberna Treixadura, co obxectivo de vestir Ribadavia de cores e mensaxes a favor da diversidade. O venres 13 de xuño celebrarase unha edición especial do Barlingüismo, unha actividade de intercambio de linguas cun marcado carácter queer. A cita será na Taberna Treixadura ás 20,00 horas e incluirá unha pinchada musical a partir das 23,00 h.
O sábado 21 de xuño, tamén na Taberna Treixadura, desenvolveranse dúas actividades: ás 19,00 horas terá lugar o encontro “Mapeo Disidente: Onde estamos as persoas Cuir no Rural?”, unha conversa aberta sobre os retos da disidencia sexual e de xénero en contornos non urbanos; e ás 21,30 horas, o Bingo Queer, unha actividade lúdica con premios e mensaxes reivindicativas.
A programación continuará o venres 27 de xuño, cunha charla sobre saúde sexual e afectiva titulada “Aprender a quererse ben”, en colaboración coa Cruz Vermella e o Centro de Saúde de Ribadavia. Será de 11,00 a 13,00 horas nas instalacións da Cruz Vermella.
Como peche do mes, o sábado 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo, Ribadavia acollerá unha gran festa na Fonte da Prata, de 18,30 a 00,00 h. A celebración incluirá espectáculos drag, un concerto en directo e unha sesión DJ, nun ambiente festivo, seguro e inclusivo. En caso de choiva, as actividades trasladaranse a Praza de Abastos.
Con esta programación, Ribadavia reafirma o seu compromiso cos dereitos LGTBQIA+ e coa construción dun municipio máis xusto, igualitario e diverso. As actividades están abertas a toda a cidadanía e non requiren inscrición previa, agás as indicadas expresamente.