A 32ª edición da festa de exaltación do pan de Cea xa conta cun cartaz oficial, deseñado polo prestixioso escultor Acisclo Manzano, nado en Ourense pero residente dende hai anos na localidade ceense de Viduedo.
O cartaz anunciador do festexo gastronómico representa unha ‘poia’, que así se nomea a peza de pan de tamaño grande, e na que a ambos lados da fenda se poden observar dúas caras representando a dúas panadeiras.
Esta peza se enmarca nun fondo tamén debuxado polo escultor e no que se figura un campo e o trigo cuxa fariña é a materia prima para a elaboración do afamado pan. Dende o Concello de San Cristovo de Cea agradecen a Acisclo Manzano a súa colaboración desinteresada e parabenízano polo resultado final do seu deseño.