Noa Presas acusa á Xunta de non ter previsto a reorganización do transporte ante o traslado de servizos do CHUO polo derrube do Materno e por empeorar unhas conexións que eran xa deficientes. O BNG pide unha mesa de traballo urxente de Transportes, Concellos e Sanidade para reforzar e reorganizar os servizos, lastrados pola carencia dun verdadeiro Plan de transporte metropolitano
Ourense, 05 de xuño de 2025. Os deputados nacionalistas por Ourense Noa Presas e Iago Tabarés veñen de elevar ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta de Galiza a reorganización e o reforzo dos servizos de transporte para conectar a cidade e os concellos da comarca de Ourense co Hospital de Piñor e como consecuencia dos traslados de boa parte do servizos despois do derrube do Hospital Materno Infantil e tal e como demanda a Plataforma pola defensa e mellora da sanidade de Ourense, profesionais e usuarias dos servizos.
Presas recorda que “se os servizos de enlace entre a cidade e o Hospital de Piñor xa eran deficientes, esta situación está a empeorar agora que con motivo de trasladar servizos do CHUO pola caída do teito do Materno, a Xunta, para variar, non fixo unha previsión adecuada porque a mesma falta de planificación de Sanidade témola na Área de transportes e mobilidade”. A deputada recorda que “chove sobre mollado porque a comarca de Ourense segue sen un verdadeiro Plan de transporte metropolitano 15 anos despois de ser prometido”.
O BNG lembra que “hai semanas xa que a Plataforma se dirixiu ao Concello de Barbadás, ao de Ourense e á Xunta para que xunto coas empresas concesionarias se tente dar unha saída ao problema pero a Xunta segue mirando para outro lado, polo que reclamamos que asuma a súa responsabilidade como administración competente e financiadora e que constitúa unha mesa de traballo urxente para poder reorganizar e reforzar o servizo”.
“A sanidade pública ten que ser accesible e para iso as e os doentes teñen que dar chegado aos centros de servizo, bastante dano fixo o Partido Popular demorando a súa actuación no Materno infantil como para agora obtaculizar que a xente poida chegar a Piñor e se vexa obrigada a pagar taxis para poder acudir”.