“A día de hoxe temos a oferta de alugueiro en mínimos históricos. Hai demanda, hai necesidade e hai angustia. Pero non hai nin vivendas dispoñibles nin medidas que funcionen”, incidiu a edil do PSdeG Alba Iglesias
“Nós si cremos que hai que adicar cartos e investigación para unha enfermidade que xurdiu recentemente e Ourense estaba a ser pioneira neste eido coa unidade multidisciplinar que funcionaba no CHUO, ata que a Xunta decidiu pechala”, subliñou a voceira, Natalia González
Ourense, 6 de xuño de 2025. O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de acadar o respaldo, no pleno ordinario de xuño, para a aprobación da súa iniciativa para poñer en marcha políticas públicas de vivenda e rehabilitar o Casco Histórico. Entre as propostas recollidas na moción está a de instar ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a garantir a adhesión ao Plan Rexurbe e o seu desenvolvemento acompañado da creación dunha comisión de seguemento, informes periódicos sobre a execución dos fondos destinados a recuperar esta zona da cidade.
“Non vimos a falar de cifras frías nin de plans que non pasan do papel. Vimos a falar dunha realidade que doe: en Ourense ter unha vivenda digna converteuse nun luxo que moitos non poden permitirse”, comezou explicando a edil do PSdeG Alba Iglesias para defender un texto con varias propostas que foi elaborado e traballado conxuntamente coas Xuventudes Socialistas. “E o peor é que non é por falta de vivendas. É que están pechadas, baleiras. E o Casco Histórico é só a punta do iceberg. Máis do 60% dos inmobles se atopan en estado ruinoso ou nun avanzado estado de deterioro”, informou sobre a realidade da cidade.
Outras das propostas incluídas no texto rexistrado son a de instar ao executivo municipal á reserva de solo para a dinamización de proxectos de promoción da vivenda colaborativa e cooperativa ou implementar incentivos e bonificacións fiscais en materia de rehabilitación e alugueiro para movilizar vivenda e convertila en accesible. “Pedimos que se poñan en marcha políticas que pensen en todos os segmentos da poboación, dende os mozos que queren emanciparse ata as e os maiores que viven sós en pisos mal acondicionados. Dende familias con rendas baixas ata persoas que non conseguen un alugueiro digno”, expuxo a socialista durante a súa intervención.
Así as cousas, sinalou que a moción tamén inclúe instar á creación dun plan municipal de vivenda xuvenil e alugueiro público, que conte co apoio técnico e orzamentario, suficiente. “A día de hoxe temos a oferta de alugueiro en mínimos históricos. Hai demanda, hai necesidade e hai angustia. Pero non hai nin vivendas dispoñibles nin medidas que funcionen”, incidiu convidando ao goberno actual a actuar dentro das súas competencias.
Por outra banda, as e os edís socialistas presentaron outra iniciativa para que a Xunta de Galicia, a través do SERGAS, garanta o mantemento da Unidade Post-COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), co obxectivo de dar unha atención multidisciplinar e de calidade aos e ás doentes con graves secuelas da COVID-19 e aos de COVID persistente. Esta moción resultou aprobada cos votos a favor de todas as forzas políticas, malia ao voto en contra do PP.
“O Partido Socialista presentou antes que DO esta iniciativa tanto no Parlamento de Galicia como neste Concello. O que fan vostedes é ir a rebufo do que fan os demais. Nós si cremos que hai que adicar cartos e investigación para unha enfermidade que xurdiu recentemente e Ourense estaba a ser pioneira neste eido coa unidade multidisciplinar que funcionaba no CHUO, ata que a Xunta decidiu pechala. Máis de 350 persoas nesta provincia tiñan resposta ás súas necesidades en dita unidade”, destacou a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González.
“É moi difícil, nalgúns casos, para estas persoas obter unha baixa laboral. Acaban acudindo en moitas ocasións aos xulgados e teñen que ser derivados ao servizo de Saúde Mental polos trastornos derivados da enfermidade que padecen e as trabas que se atopan no seu día a día. E quero recordar que hai unha diferenza moi grande entre entender e desenvolver políticas sanitarias atendendo aos números ou atendendo ás persoas. Somos a provincia máis avellentada de Galicia e non temos nin sequera unha unidade de xeriatría especializada, por exemplo”, lamentou a tamén secretaria de Política Social da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.