O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso acollerá o martes 10 de xuño unha sesión de campo do grupo de traballo do proxecto europeo COBLAGES, unha iniciativa que aposta pola cooperación interxeracional como ferramenta clave para preparar ás novas xeracións para un mundo envellecido.
A xornada desenvolverase na aldea de Lodoselo, onde o CDR O Viso ten consolidado un espazo de aprendizaxe comunitaria que será punto de encontro para representantes de diferentes países europeos. O obxectivo é coñecer de primeira man experiencias que integran a sabedoría das persoas maiores coas necesidades educativas da mocidade, nun contexto rural que ofrece oportunidades únicas para este tipo de aprendizaxe.
“Queremos estudantes mellor preparados para un mundo envellecido, e iso só é posible se entendemos o valor da experiencia e da comunidade como parte do proceso educativo”, sinalan desde o equipo promotor do proxecto COBLAGES.
Durante a visita, presentarase unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria baseada na interacción entre xeracións, que se inspira en prácticas xa desenvolvidas polo CDR O Viso, como o Pobo Escola, a Vivenda Comunitaria ou os programas de voluntariado interxeracional. A xornada incluirá espazos de diálogo, observación directa e intercambio de boas prácticas.
O CDR O Viso reafirma así o seu compromiso cun rural vivo, activo e innovador, onde cada persoa, independentemente da súa idade, ten un papel fundamental na construción dun futuro común.
Esta actividade forma parte do programa Capacidade Inclusiva , financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.