§ Santos explicou que o programa ten como obxectivo “contribuír ao re equilibrio territorial incentivando a chegada de capital humano aos espazos máis despoboados”
Ourense, 7 de xuño de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou a entidades situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia a beneficiarse do programa Campus Rural para acoller alumnos universitarios en prácticas. Trátase dunha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a maioría de universidades públicas.
Santos difundiu esta semana a información do programa Campus Rural entre empresas, asociacións e Concellos da provincia de Ourense por se é do seu interese. “Este programa está dirixido tanto a entidades públicas como privadas que desenvolvan a súa actividade directa en territorios rurais con problemas de despoboamento”, detallou.
A iniciativa, engadiu, ten como obxectivo “contribuír ao re equilibrio territorial incentivando a chegada de capital humano aos espazos máis despoboados para dinamizar o seu tecido produtivo, social e institucional”. Campus Rural ofrece unha experiencia vital, na que se xeran novas formas de arraigamento e vínculo, que favorecen a actividade e a creación de oportunidades de emprego no territorio.
O subdelegado remarcou que é “unha oportunidade única” para a provincia de Ourense, onde a maioría dos municipios ten menos de 5.000 habitantes. “Queremos que os rapaces e rapazas coñezan os beneficios de quedarse a vivir no rural, con posibilidades reais de emprego”, subliñou.
As prácticas académicas realízanse en dependencias situadas en zonas de vulnerabilidade territorial e as entidades contarán cunha prestación económica de 1.000 euros brutos mensuais por estudante, xunto aos gastos de seguridade social, sen ningún custo engadido. A duración das prácticas é de 2 a 5 meses, ata novembro.