- O delegado territorial destacou que o vindeiro curso será o cuarto consecutivo no que a atención educativa de 0 a 3 anos será de novo gratuíta en todas as escolas infantís de Galicia tanto nas públicas, como nas privadas e nas de iniciativa social
- Manuel Pardo puxo en valor o liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos en Galicia, consecuencia da aplicación do programa da gratuidade da Xunta
- Tamén engadiu que Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.
Ourense, 1 de xuño de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou está mañá a escola infantil Antela, na cidade de Ourense, para lembrar que o pasado 3 de xuño abriuse o prazo para que as familias podan formalizar a matrícula do curso 2025-2026 nas escolas infantís da rede pública autonómica. A documentación poderá presentarse ata o día 13 de xuño.
O delegado territorial destacou que o vindeiro curso será o cuarto consecutivo no que a atención educativa de 0 a 3 anos será de novo gratuíta en todas as escolas infantís de Galicia tanto nas públicas, como nas privadas e nas de iniciativa social. Unha medida que permite que Galicia sexa nestes momentos líder nacional na escolarización deste período educativo voluntario.
O representante do Goberno galego informou que as familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno. Tamén indicou que o trámite pode realizarse tanto a través da sede electrónica da Xunta ou no centro no que se obtivera a praza.
Taxa de escolarización na etapa de 0 a 3 anos
Aproveitando a súa visita ao centro, Manuel Pardo puxo en valor o liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos en Galicia, por riba do 60% e máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional.
O delegado territorial recalcou que este liderado é consecuencia da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar hai tres cursos a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en 14 puntos.
Ademais, engadiu, que Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.