A presentación oficial da 63ª edición da ‘Festa do Pulpo do Carballiño’ terá lugar mañá, xoves 12 de xuño, no salón de actos da Casa de Galicia en Madrid a partir das 12,00 horas. O evento gastronómico, declarado de Interés Turístico Internacional, está adicado este ano á localidade italiana de Noventa Padovana, irmandada coa vila do Arenteiro dende o pasado ano.
A cita de mañá contará coa asistencia, por parte do Carballiño, do primeiro tenente de alcalde, José Castro-Gil, e do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, mentres que de Noventa Padovana participarán o alcalde, Marcello Bano, e o responsable de Turismo, Davide Iafelice, que serán recibidos polo director da Casa de Galicia, Luis Ramos. O acto será guiado por Leticia Iglesias, xornalista da canle Telecinco.
No decurso da presentación, os asistentes poderán visionar un vídeo promocional da ‘Festa do Pulpo 2025’ que foi realizado e producido por Badal Novas para a ocasión, e que servirá como vehículo de difusión do evento gastronómico, que se celebrará o domingo 10 de agosto cun amplo programa de actividades culturais e de lecer nas dúa semanas previas.
Ao remate do acto, autoridades e convidados terán a opurtunidade de degustar o prato estrela do Carballiño, o ‘pulpo á feira’, que preparará unha pulpeira de Arcos que viaxará mañá ata a capital española.