A formación nacionalista adianta que defenderá “o que sempre pedimos, xestión directa das instalacións e un termalismo público e gratuíto para a veciñanza que o emprega de xeito habitual”. No BNG non pechan a porta á “búsqueda de fórmulas de pagamento para o turismo polo seu uso eque contribúan así ao seu mantemento e mellora”. No BNG reclaman a reapertura da piscina “xa”
Ourense, 12 de xuño de 2025. Diante da convocatoria no día de onte dunha Xunta de Portavoces a celebrar este mesmo xoves e na que o Goberno Local pretende definir o modelo de xestión a empregar na Piscina Termal das Burgas, desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “levamos cinco anos con estas instalacións pechadas, cinco anos nos que o Goberno Local arrastrou os pés continuamente, botando balóns fóra e amosando ter un nulo interese na súa reapertura e posta en valor”.
O Concelleiro nacionalista Xosé Manuel Puga, amosa igualmente a súa sorpresa diante da posibilidade de que a xestión sexa pública e directa por parte do Concello xa que, segundo sinala, “ao longo dos últimos meses, o Goberno Local sempre dixo que a única opción que contemplaba era a licitación de todo o Complexo Termal das Burgas para a súa explotación por parte dunha empresa privada” e engade, “non sabemos que aconteceu nas últimas semanas para que agora se produza este cambio, do cal en todo caso, aledámonos”.
E é que para o BNG está claro cal debe ser o modelo de xestión da Piscina Termal das Burgas. “Sempre defendimos a xestión directa mesmo coa creación dun Consorcio Termal e que o acceso ás instalacións sexa público e gratuíto para a veciñanza de Ourense e para aquelas persoas que empregan as instalacións de xeito habitual. A riqueza termal é patrimonio de todas as veciñas e os veciños de Ourense polo que temos dereito a poder disfrutar delas gratuitamente”.
Puga González matiza que “cousa distinta son aquelas persoas que nos visitan e que entendemos, deben contribuir ao seu mantemento e mellora polo que estamos dispostos a avaliar a posibilidade de que se estuden fórmulas para fixar un prezo xeral de acceso para todas e todos aqueles que veñen de turismo e que como xa dixemos, deben contribuir ao seu mantemento e mellora, algo que non é novidoso e que xa se fai noutros ámbitos e noutras cidades do país, do Estado e do mundo”.
Finalmente o Grupo municipal do BNG apremia ao Rexedor para que a Piscina Termal das Burgas abra ao público “de xeito urxente. Non son admisíbeis máis demoras polo que a solución ten que ser rápida e a súa implementación tamén”.