“Marquemos a diferenza coa papeleta do BNG, fagamos historia e fagamos que Ourense conte” apunta Presas
Para a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, este 23X “ningún voto das persoas que quere a Ourense e desexa rematar coa discriminación que sofre pode quedar na casa”
Ourense, 21 de xullo de 2023. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, apela por última vez nesta campaña a “concentrar o voto no BNG este 23X” para “facer que Ourense conte” ante o abandono que sofre Ourense por parte do bipartidismo clásico. Presas sinala que “é hora de poñer Ourense no mapa e contar con representación nacionalista coas mans libres para defender os intereses da cidadanía ourensá”. Alén do máis, apunta que o BNG está en disputa co PP polo último escano de Ourense e, tal e como aconteceu nos comicios galegos, o voto ao BNG servirá para frear a dereita.
“É hora de facer historia e ter, por primeira vez, representación nacionalista por Ourense que defenda os intereses da cidadanía das comarcas desta parte do País” arenga Noa Presas. Durante o peche de campaña organizado pola organización nacionalista no barrio da Ponte, na cidade de Ourense, a cabeza de lista chama a concentrar o voto inconformista, feminista, antifascita e de esquerdas no BNG.
Segundo apunta Presas, “ningún voto das persoas que quere a Ourense e desexa rematar coa discriminación que sofre pode quedar na casa” e, neste contexto, erixe o BNG como “a única opción posíbel este 23X para reverter a situación de abandono que sofre Ourense polo bipartidismo clásico”.
“Queren que estas sexan as elección da resignación e as eleccións do medo mais estámoslle dando a volta porque dicimos alto e claro que nin resignación, nin medo, nin mal menor: estas van ser as eleccións de Galiza, para que teña máis forza e si, Ourense tamén vai estar” afirma a cabeza de lista por Ourense. Presas sinala que fronte o bipartidismo clásico que sumiu as comarcas do interior no abandono, o BNG sae a por todas “para ser decisivos e facer valer este País”.
“O que nunca fará unha deputada do BNG será calar a boca e agachar a cabeza ante a discriminación que sofre Ourense” apunta. Neste sentido, Presas evidencia os incumprimentos realizados por parte de PP e PSOE –retrasos en infraestruturas estratéxicas, saneamento dos ríos, pensións dignas- e apunta ao voto dobre do BNG para “frear a dereita, garantindo avances sociais, e facendo valer os intereses de Ourense”.
“Na historia hai cousas que se repiten e hai outras que marcan a diferenza e que o cambian todo. Nas galegas dixemos que lle iamos quitar o último ao Partido Popular e fixémolo. Ímolo volver facer, imos romper todas as enquisas e imos quitarlle o último ao Partido Popular. Marquemos a diferenza coa papeleta do BNG, fagamos historia e fagamos que Ourense conte” finda Presas.