No proceso renovarase a Executiva e elixirase secretaria comarcal
Ourense, 12 de xuño de 2025
A CIG de Ourense celebra este sábado 14 de xuño a súa IX Asemblea Comarcal, na que máis de 150 delegados e delegadas renovarán a Executiva e elixirán a secretaria comarcal, así como as persoas que formarán parte do Consello Confederal da CIG (máximo órgano de dirección da central entre congresos) en representación da bisbarra.
A Asemblea desenvolverase no salón de actos da Casa Sindical (Parque de San Lázaro, 12) baixo o ‘A loita é o único camiño. Ourense esmorece, impidámolo’ e dará comezo ás 9:30 horas coa recepción e acreditación das persoas delegadas. O acto de clausura, no que intervirá a nova secretaria comarcal, está programado para as 12:30 horas.
Durante o encontro tamén se debaterá e votará o informe de xestión da Executiva saínte, no que se avalía o traballo sindical realizado nos últimos catro anos e se destaca o feito de que a CIG teña logrado por primeira vez situarse como principal forza sindical da provincia. A IX Asemblea da CIG de Ourense enmárcase no proceso de renovación de órganos a nivel comarcal e federativo que se inicia tras o IX Congreso Confederal da CIG.
O secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, aproveitou a rolda de prensa celebrada hoxe para anunciar o encontro para repasar a intensa conflitividade laboral rexistrada na provincia nos últimos catro anos en sectores como o servizo de transporte urbano de Ourense, no siderometal ou no comercio de alimentación.
Ao tempo que salientou que neste período a central logrou os mellores resultados da súa historia nas eleccións sindicais, situándose por primeira vez como principal forza da provincia. Pérez Carballo tamén valorou a cohesión interna da que goza a CIG na actualidade e adiantou que o proceso deste sábado vai supoñer unha renovación “moi imoportante” na Executiva comarcal, con catro peroas novas dun total de oito membros, ademais de producirse un cambio á fronte da Secretaría Comarcal.
Pola súa banda, Xulia González Pascual, a persoa que encabeza a única candidatura presentada ao proceso, destacou que á Asemblea concorre unha única lista de consenso na que están representadas todas as corrientes internas do sindicato e que “naceu co espírito de continuar fortalecendo a CIG como unha ferramenta últil e combativa ao servizo da clase traballadora”.
Adiantou a súa intención de continuar na liña do traballo sindical “serio, constante, comprometido e sempre a carón da clase traballadora” desenvolvido até o de agora e puxo en valor a xestión tanto da actual Executiva como do propio secretario comarcal. “Neste tempo o sindicato estivo na primeira liña defendendo o emprego e os servizos públicos, combatendo os abusos patronais, apoiando as loitas do persoal nos sectores e canalizando as demandas sociais da comarca, e fíxoo con con independencia, firmeza e proximidade”, rematou.
CANDIDATURA Á ASEMBLEA COMARCAL DA CIG-OURENSE
- Xulia González Pascual.
- Óscar Núñez Álvarez.
- José Ramón Álvarez Dacoba.
- Inmaculada López Taboada.
- Rosa María Fernández Muñoz.
- Rubén Ramos Gestal.
- Ramón Porto Rodríguez.