A MIT 2025 avanza os primeiros nomes da programación e revela un cartel inspirado na pedra e na resistencia teatral

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Esta mañá, a ‘Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2025’ (MIT) deu o seu primeiro paso coa presentación oficial do cartaz desta 41ª edición, que se celebrará do 18 ao 26 de xullo. Na Praza Buxán da localidade ribadaviense, o alcalde, César Fernández; e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, acompañaron á directora da MIT, Sabela Mendoza e á súa directora adxunta, Gena Baamonde na presentación dunha edición que apostará por abrir novos camiños para o teatro contemporáneo.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Esta edición da MIT chega con cambios, con renovación e novidades que comezan na dirección da propia Mostra, agora conformada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, a quen lles agradezo o traballo que levan feito desde que chegaron á dirección da MIT, aportando a súa enerxía e agarimo non só pola propia MIT, senón polo teatro e por Ribadavia”, puxo en valor o alcalde, César Fernández, durante a presentación. Así mesmo, o rexedor aproveitou para agradecer ás institucións públicas e patrocinadores “o apoio importantísimo para o desenvolvemento e o éxito da MIT, sen os que sería imposible levar a cabo un evento destas características en Ribadavia”.

A nova imaxe da Mostra Internacional de Teatro inspírase nalgúns elementos propios da esencia do festival e do seu contexto, Ribadavia: a pedra granítica e a vexetación silvestre únense a personaxes e figuras que recordan unha montaxe teatral. Así, a estética minimalista dos elementos gráficos centrais contrasta co dinamismo das personaxes de fondo e da composición tipográfica. Unha combinación orixinal, reforzada pola escolla de cores vivas, que conceptualmente se inspira nas ideas de resistencia e esforzo que sosteñen o oficio teatral. A creadora galega Montse Piñeiro (ilustradora, ceramista e deseñadora, vinculada tamén ás artes escénicas) foi a encargada do deseño desta imaxe, que desenvolveu en diálogo coa nova dirección artística.  

A dirección artística da 41ª edición, está marcada polo relevo neste cargo, que pasa por primeira vez ás mans dun equipo feminino: “Esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición. Este ano comezamos a traballar nalgunhas das ideas e liñas culturais que nos gustaría traer para o festival, cunha clara aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas. Interésannos a idea da exploración, das creacións indómitas, do compromiso comunitario e das perspectivas que procuran incidir no tempo que vivimos, alimentando o pensamento crítico e aberto sobre as nosas xenealoxías, as cuestións do presente e a imaxinación de futuros. Pero ao mesmo tempo, este ano mantemos a estrutura habitual da Mostra, cos mesmos espazos e a mesma  duración, e algunhas das apostas programáticas que xa se viñan desenvolvendo.”

Así, por exemplo, este ano poderán verse varios espectáculos de compañías galegas que contaron con apoios á produción por parte da MIT, como son: Reconversión de Ibuprofeno Teatro, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, un espectáculo entre o íntimo e o político arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo; Non Pasarán de Ártika Cía, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey, que trae unha reflexión sobre a cidadanía e o medo aos “outros” a partir da historia dun lugar sacudido por unha vaga de incendios provocados; e Profetas de Ítaca Teatro, peza que leva a escena un texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente e que presenta o encontro íntimo dunha parella que xa non o é, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Estas pezas poderán verse nos días 23, 20 e 25 de xullo respectivamente. Dase así continuidade á liña de apoios á creación escénica galega que xa viña sendo habitual. 

Ademais, como novidade, este ano súmase o apoio a unha produción estatal, a obra Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Estreada recentemente en Madrid, a obra terá a súa estrea galega na Mostra. Unha montaxe que reúne baile e cante en directo para falar do choque entre os tempos xeolóxicos e os ciclos humanos. A obra poderá verse o día 25 de xullo no Auditorio do Castelo. 

Nesta liña de apoio á creación, renovan a colaboración coas Residencias Paraíso do colectivo RPM, que traerán á dupla formada pola coreógrafa e bailarina Natalia Fernandes e a artista visual Marta Azparren Azparren co seu proxecto Dormidos y cerrados los ojos bailan, en residencia na Igrexa da Madalena e que finalizará cunha mostra aberta ao público. 

Pero ademais, reforzan o espazo de apoio á creación a través doutras residencias artísticas, que poñen o foco nos procesos artísticos comunitarios. La Volátil, novo colectivo artístico que reúne aos galegos Irene Moreira e Álex Sobrino coa andaluza Rosa Romero, estarán traballando no seu proxecto Pan, nubes y chocolate a través dun obradoiro participativo e dunha labor de recollida de memorias esquecidas, lugares historias persoais ocultas. Será a primeira vez que se presenta publicamente este colectivo que establece unha ponte ientre Galicia e Andalucía. Tamén acollemos en residencia, en colaboración co Centro Dramático Galego, á autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela, co seu proxecto Os passadores que pretende abordar cuestións de nacionalidade e emigración na actualidade, a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando do período entre 1936 e 1975 en España e Portugal. Portela desenvolverá tamén un obradoiro comunitario e un traballo de pescuda sobre Ribadavia e os lugares de fronteira máis próximos con Portugal. Nas próximas semanas a Mostra abrirá o período de inscrición para facer parte destes dous procesos, que rematarán ambos nunha mostra aberta na xornada do 23 de xullo, coa participación das persoas inscritas. Poñemos así atención nas propostas comunitaria que implican activación de memorias, miradas ao territorio e participación social. 

Especial mención merece tamén a celebración dos 20 anos do ‘Premio Abrente de Textos Teatrais’, para a que temos previsto un evento especial na tarde do 24 de xullo, coordinado pola actriz e comunicadora cultural Rosa Puga, que consistirá nunha lectura colectiva de fragmentos seleccionados dos textos premiados nestes anos, coa participación de convidadas e convidados especiais, e o anuncio final do Premio deste ano. O evento contará tamén coa colaboración de A todas luces, o podcast cultural da revista Luzes conducido por Lois Branco Araúxo.  

Outra das liñas que acompañará a programación de espectáculos será a de formación escénica. Nesta edición acollemos un curso de máscara neutra con Mar Navarro e un curso de clown con Roi Borrallás, ambos en colaboración coa Asociación Galega de Clowns. Ademais, en colaboración coa Asociación Galega de Actores e Actrices, acollemos unha proposta moi especial, El desenterrador de Societat Doctor Alonso, un dispositivo para investigar e afondar na palabra, no seu sentido orixinal e a súa relación co corpo, baixo a dirección de Sofía Asencio e Tomás Aragay. A compañía presentará tamén o seu espectáculo máis recente, Hospital de Campo, unha obra que aborda, dende códigos de humor e ironía, temas relacionados coa enfermidade e a curación, e que poderá verse o sábado 19 de xullo no Auditorio do Castelo. 

A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño. Porén, a falta de coñecer aínda todo o que a MIT ten preparado, o alcalde, César Fernández, asegurou “estar seguro de que nos vai gustar. Sei que o público estará encantado e que Ribadavia volverá a ser, unha vez máis e coma sempre, a ‘capital galega do teatro’ pero, ademais, este ano con ánimo renovado, con nova forza e ilusión para afrontar tamén o futuro con ese impulso e coa sorte e responsabilidade de ter detrás xa máis de 40 anos de historia”.

A MIT contará un ano máis co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT que entra xa na súa conta atrás.