AENOR, entidade líder en xeración de confianza, acaba de ratificar, e por vixésimo cuarto ano consecutivo, os Sistemas de Calidade (ISO 9001) e de Medio Ambiente (ISO 14001) da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense). O director AENOR en Galicia, José Enrique Rodríguez Coello, fixo entrega dos novos certificados ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, e ao responsable do Departamento de Calidade do recinto feiral, Emilio González Pérez.
Expourense converteuse, en febreiro de 2002 no primeiro recinto feiral galego e terceiro de España (por detrás de Bilbao e Valencia) en recibir unha certificación de calidade que ratificou ano a ano ata a actualidade. En 2008, Expourense foi tamén o primeiro recinto feiral de Galicia en implementar un Sistema de Xestión Ambiental, reflectido na ISO 14001. Estes certificados están incluídos desde a súa consecución na súa imaxe corporativa. Ambos os selos están certificados por AENOR.
A ratificación do seu sistema de Calidade contribúe a que Expourense cumpra os seus obxectivos anuais que pasan por fomentar, entre as empresas en particular e o resto da sociedade en xeral, conceptos como a Internacionalización, a Calidade, a Innovación, o Emprendemento e a Formación. No que respecta a a Xestión Ambiental, a ratificación da ISO 14001 conleva tarefas como a identificación e a valoración dos aspectos ambientais asociados a riscos da súa actividade. En Expourense mídense: emisións de gas, vertidos á rede de saneamento, residuos xerados, ruído provocado, vertidos de hidrocarburos e contaminación por legionela nas instalacións, entre outros.
AENOR contribúe á transformación da sociedade creando confianza entre organizacións e persoas, mediante servizos de avaliación da conformidade (certificación, inspección e ensaios), formación, información e consultoría de transformación de negocios. É a entidade líder en xeración de confianza de España e máis de 88.000 centros de traballo no mundo teñen algún dos certificados de AENOR en campos como a Xestión da Calidade, a Intelixencia Artificial, a Ciberseguridade ou os relacionados cos criterios ESG, como poden ser o Compliance penal, o bo goberno corporativo, a Igualdade, a xestión ambiental ou a construción sostible.
Entre as vantaxes competitivas diferenciais de AENOR atópanse o recoñecemento de marca máis elevado entre as empresas e os consumidores; contar con persoal propio, o que lle permite xestionar o coñecemento acumulado en beneficio dos seus clientes; innovar na resolución de novas brechas de competitividade grazas á súa proximidade coas fontes de coñecemento; e a súa capilaridade xeográfica e sectorial.
AENOR é unha entidade global, que xa desenvolve operacións en 87 países. En España dispón de 19 sedes en todas as Comunidades Autónomas con auditores propios e presenza permanente noutros 12 países, principalmente de Latinoamérica e Europa.