A Deputación enxalza a traxectoria e o exemplo das mulleres deportistas ourensás na súa iniciativa “Nena e Deporte”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que este evento enmárcase noutras accións dentro da estratexia provincial de fomento da igualdade máis aló do 8M e do impulso á práctica deportiva como parte fundamental da sociedade ourensá

Ourense, 19 de xuño de 2025.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel albergou esta tarde o evento “Nena e Deporte. De nenas a referentes ourensás”, no que foron protagonistas seis destacadas deportistas da provincia de Ourense: Pino Díaz, Zulema González, Vane Sotelo, Uxía Boimorto, Marta Míguez e Aroa Muñoz, invitadas como figuras destacadas do deporte feminino para que sirvan de exemplo ás vindeiras xeracións de deportistas.

O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu a estas seis “mulleres inspiradoras” a súa participación nun evento, dixo, pensado para animar a futuras deportistas de competicións de alto nivel e que leven o nome de Ourense polo mundo”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ademais, Menor anunciou que este evento se enmarca noutras accións dentro da estratexia provincial de fomento da igualdade máis aló do 8M, así como do impulso á práctica deportiva como parte fundamental da sociedade ourensá.

Figuras destacadas do deporte ourensán

Vane Sotelo é xogadora española de fútbol sala. Estivo nomeada como mellor xogadora do mundo nos anos 2014, 2015 e 2020. Sobre a iniciativa “Nena e Deporte” destaca que “é unha gran oportunidade para visibilizar o papel da muller no ámbito deportivo, recoñecer o esforzo e talento de moitas profesionais, e seguir avanzando cara a unha igualdade real en todos os niveis do deporte. É un evento inspirador e necesario”.

Zulema González é árbitra de fútbol da Primeira División Iberdrola Feminina e foi árbitra internacional . Destaca que esta iniciativa “é unha acción marabillosa para achegar as traxectorias de moitas mulleres que nos dedicamos ao deporte ao resto da sociedade e concienciar de todos os esforzos e sacrificios das mulleres deportistas e á súa vez recompensas persoais a nivel satisfacción e resultados nalgúns casos”.

Marta Míguez foi lanzadora de xavelina olímpica e recordwoman española absoluta entre 1999 e 2002. A súa mellor marca persoal (59,43m, acadada en 2002) é aínda o récord galego da especialidade. Sobre “Nena e Deporte”, valora a súa importancia por “visibilizar e recoñecer o esforzo, o talento e a dedicación das nenas e mulleres no ámbito deportivo é clave para fomentar a igualdade e seguir rompendo barreiras. Este tipo de eventos non só celebra os seus logros, senón que tamén inspira a futuras xeracións a perseguir os seus soños no deporte con confianza e orgullo. Sen dúbida, unha gran iniciativa que merece todo o apoio”.

Pino Diaz foi unha das grandes ximnastas españolas durante a primeira metade dos anos 80. “Esta iniciativa, se logo se complementa con outras accións en materia de xestión deportiva, paréceme moi positiva. A importancia radica en mudar os hábitos da xente e fomentar a práctica deportiva, e aí hai que saber estimular á xente para que fagan deporte, sobre todo destinando recursos humanos profesionales que saiban cambiar estruturas e hábitos deportivos”.

Aroa Muñoz: Fisioterapeuta colaboradora da Federación Española de Atletismo. Medallista autonómica no 400m. Sobre Nena e Deporte, recalca que “a iniciativa fíxome moita ilusión, apoiar a igualdade no deporte e incentivar a nenas de todos as idades a realizar calquera tipo de deporte, é sempre moi importante. E non só para as nenas, se non para todos aqueles maiores que as rodean cada día e son o seu exemplo máis próximo, esta iniciativa tamén é un apoio para eles.

Uxía Boimorto: Árbitra ourensá de fútbol que se atopa na primeira futgal e é a única muller nesta categoría do fútbol provincial. Recalca que “Nena e Deporte”, considera que “é unha excelente iniciativa para motivar ás mozas deportistas a perseguir os seus obxectivos, e para darlle visibilidade e continuar promovendo a igualdade de oportunidades no ámbito deportivo”.

O evento foi conducido pola actriz e educadora social Candela López, no que actuou de entrevistador Alfredo Sáez Ibáñez–

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------