O Psdeg-Psoe amosa a súa “fonda preocupación” polo “grave deterioro” no que o goberno de Núñez Fejóo ten sumido ao hospital de Valdeorras

Continúan a enviar unha UVI móbil desde Ourense cada vez con máis asiduidade e tamén con máis demoras, o que supón por en risco a vida dos pacientes”, denuncian

Os socialistas esixen ao presidente, Núñez Feijóo, unha “inmediata solución ao deterioro” no que, durante os seus mandatos, sumiu a este centro sanitario de referencia para o oriente da provincia

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE quere amosar a súa “fonda preocupación” pola alarmante situación, cada vez máis palpable, na que se atopa o Hospital Comarcal de Valdeorras, sumido nun “grave deterioro” por culpa do abandono, o desleixo e os recortes do goberno da Xunta de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo.

A pesares das promesas e xustificacións por parte da Consellería de Sanidade e da dirección de área sanitaria de Ourense, estase a constatar que a situación “é máis insostible cada día que pasa”, advirten.  “Continúan a enviar unha UVI móbil desde Ourense cada vez con máis asiduidade e tamén, cada vez, con máis demoras, o que supón por en risco a vida dos pacientes que deben ser trasladados”, denuncian.

Os socialistas relataron hoxe algúns dos problemas das últimas semanas:

  • Unha paciente cun choque anafiláctico tivo que agardar máis de cinco horas pola UVI móbil –que viña desde Ourense– para o seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario da capital.
  • Traslado dun paciente grave a Ourense nunha ambulancia normal, dotada só de persoal de enfermería pero sen médico acompañante ata a metade do camiño, tralo cambio a unha ambulancia UVI con médico que se achegou desde Ourense.
  • Por culpa do deterioro da capacidade asistencial do hospital comarcal, estase a producir un exceso de traslados cara Ourense. Na situación de pandemia na que aínda estamos, chegan a aproveitar a mesma ambulancia para trasladar simultaneamente a dous pacientes.
  • Unha ambulancia que ía de camiño a Ourense cun traslado chegou a recibir a orde de volver ao Barco para recoller a un segundo paciente.

A dirección de área sanitaria sempre asegurou que a ambulancia UVI que tiña que viaxar desde Ourense ata Valdeorras para atender as necesidades de traslados era de “dispoñibilidade inmediata” pero “iso non e verdade”, denuncian os socialistas. Os médicos e médicas que acompañan desde Ourense a esta ambulancia son chamados para este fin e, voluntariamente, aceptan ou non a encomenda, advirten desde o PSdeG-PSOE. Esta situación ten provocado situacións estrambóticas como “chamar a algún médico dun centro de saúde da provincia para o traslado, pero a ambulancia UVI tivo que agardar a que rematara o traballo cos seus pacientes, que se desprazase á capital e que se incorporarse á UVI para emprender camiño cara O Barco”. “E mentres a ambulancia UVI de Valdeorras, aparcada diante do hospital”, denuncian.

“Os veciños e veciñas da comarca de Valdeorras non somos cidadáns de segunda, que teñen que estar hospitalizados en camas de segunda man ou que comen en bandexas de segunda man”, denuncian tras esixir “o mesmo trato e atención que recibe calquera paciente de calquera outra zona de Galicia”. “Non queremos pensar que os responsables da sanidade galega estean agardando a que se produza unha desgraza nunha agarda para un traslado ou no propio traslado, para adoptar as medidas necesarias que corrixan a situación á que nos levou a súa nefasta xestión”, denuncian. 

Desde o PSdeG-PSOE esixen ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, unha “inmediata solución ao deterioro” no que, durante os seus mandatos, sumiu ao Hospital Comarcal de Valdeorras e a sanidade pública desta parte da provincia de Ourense.