A Xunta convoca para maio e xuño as primeiras probas Celga do ano, que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega

IES CHAMOSO LAMAS

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Política Lingüística,
pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua
galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2022 (código de procedemento PL500C).

DOG Premer na Imaxe

HIPER MASIDE

O prazo de inscrición, así como o pagamento da taxa, abrirase o vindeiro luns 21 de marzo e pecharase o 8 de abril

Ademais, o secretario xeral de Política Lingüística anunciou hoxe dous cursos novos de autoaprendizaxe en liña preparatorios dos niveis Celga 2 e Celga 4

A Xunta publica a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega, os Celga. Como indica a convocatoria, a realización das probas dos Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 está prevista, como é costume, para os meses de maio e xuño en Santiago de Compostela e Ponferrada. As datas concretas das probas así como os lugares exactos para facelas publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Portal da Lingua Galega.
Como en anteriores convocatorias, o prazo para presentar as solicitudes de inscrición e, consecuentemente, o do pagamento da taxa correspondente -16,92 €- irá do próximo luns 21 de marzo ata o venres 8 de abril. Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de modo presencial.
Esta convocatoria de probas Celga é a primeira que a Xunta efectúa en 2022 e, se as circunstancias o permiten, a previsión é que, como o ano pasado, volva publicarse unha segunda convocatoria para realizar máis exames antes de que remate o ano.


Cursos de autoformación


Ademais, de cara á preparación destas probas, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou esta mañá en rolda de prensa a ampliación da oferta dos cursos de autoformación ofrecidos pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Desde hai un ano, ofrécese un curso de autoaprendizaxe en liña do Celga 1, no que ata o de agora se inscribiron máis de 3000 persoas, “o que dá conta do grande interese que este espertou e que motivou a seguir apostando por este tipo de formación, ampliándoa a outros dous niveis”, indicou o representante autonómico.

Deste modo, a Xunta estivo a traballar, en colaboración cun equipo de especialistas en formación e ensino da lingua galega e mais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no desenvolvemento do curso de autoaprendizaxe en liña do seguinte nivel, é dicir, do Celga 2, así como do curso de autoformación do Celga 4. Neste sentido, Valentín García saliento que “este é sempre o máis demandado pola cidadanía, tal e como se vén constatando ao longo destes anos no número de persoas que solicitan os cursos Celga titorizados ou que se inscriben nas probas para a obtención do certificado oficial que acredita este nivel de coñecemento da lingua galega”, explica o titular de Política Lingüística.
Ademais, esta modalidade de formación ten outros dous puntos fortes: o primeiro, que non ten límite de prazas e, o segundo, que permite o acceso desde calquera lugar do mundo “pois cada vez son máis os descendentes de galegos e galegas da diáspora que se interesan por coñecer e estudar a lingua”, engade Valentín García.
Para inscribirse nestes cursos, que estarán dispoñibles a partir do día 21 deste mes, as persoas interesadas deberán acceder á Plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Portal da Lingua Galega.
Con esta nova oferta, só quedaría por cubrir nesta modalidade de formación o nivel Celga 3, no que a Xunta xa traballa co fin de completar a oferta de cursos Celga de autoaprendizaxe en liña e poder poñelo a disposición da cidadanía o próximo ano.