O BNG pedirá explicacións ao Goberno Local polos movementos de terra que se están levando a cabo na parcela do antigo matadoiro municipal e ante o risco que os mesmos conlevan

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nos últimos días estanse vertendo na parcela toneladas de terra, as cales están producindo unha pendente na parte inferior da parcela. Desde o BNG sinalan que de producirse unha forte treboada ou chuvias moi intensas a mesma podería escorregar cara o Parque de Bombeiros

Ourense, 21 de xuño de 2025. Desde hai algúns días, pódese apreciar na parcela ocupada até hai uns anos polo Matadoiro Municipal, ao carón do cemiterio das Caldas, un ir e vir constante de camións cargados con terra que depositan na mesma. Os recheos permiten albiscar unha gran explanada desde a N-120 mais o certo é que tal e como denuncian desde o Grupo municipal do BNG, “a situación é moi diferente desde a rúa situada na parte posterior da parcela, a que da acceso ao Parque de Bombeiros, ao Campo da feira, a varias dependencias municipais existentes na zona, vivendas e mesmo aos accesos á zona termal da Chavasqueira”.

É é que a tan elevada acumulación de terra está provocando na citada parte inferior unha pendente de considerables dimensións. O Portavoz nacionalista Luís Seara sinala que “xa teñen sido varias as veciñas e veciños que nos alertan destes traballos pois entenden que os mesmos supoñen un risco evidente” e engade, “no caso de que se produza unha forte treboada ou a caída de chuvias moi intensas, o risco de escorregamento de toda esta terra cara o Parque de Bombeiros, as instalacións municipais, as vivendas existentes na zona ou mesmo os accesos á zona termal da Chavasqueira poden provocar unha desgraza que logo teñamos que lamentar”.

Dada a situación, Seara adianta que “pedirémoslle explicacións ao Goberno Local para que informe sobre os traballos que se están levando a cabo nesa parcela e a que obedecen e en todo caso a que se adopten as medidas de seguridade precisas que eviten que se poida producir un incidente de graves consecuencias”.