
A explanada de acceso ao Parque Municipal da vila do Arenteiro acolleu esta mañá a presentación do cartaz publicitario da “63ª Festa do Pulpo do Carballiño”, adicada este ano á localidade italiana de Noventa Padovana, ubicada na rexión de Venecia. O cartaz é obra da deseñadora carballiñesa Ari Quintas, e combina as culturas gastronómicas de Galicia e Italia coa figuración dun rabo de pulpo enrolado nun garfo a xeito de spaguetti.
O acto contou coa presenza do alcalde, Francisco Fumega; os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández; de Comercio e Medio Rural, Diana González e Miguel Fernández; o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e o deputado provincial Rosendo Fernández, ademais de representantes das entidades patrocinadoras do festexo.
Dacal e Fumega avanzaron a introducción de alguns cambios na infraestrutura do evento, motivados pola súa declaración, hai dous anos, como ‘Festa de Interese Turístico Internacional’. Ao respecto, o alcalde do Carballiño subliñou que “esta declaración esixe uns garantes de sostibilidade e hai que darse conta de que na zona do recinto oficial existe unha serie de árbores senlleiras, como poden ser as sequoias, que foron plantadas na época de creación deste Parque, que o ano vindeiro cumpre 100 anos, e que hai que preservar”.
Así, as modificacións que serán introducidas pola organización son relativas ao traslado do recinto do xantar oficial e dos restaurantes e bares ambulantes desa mesma contorna a outra zona máis axeitada, “unha aposta pola sostibilidade que xa estamos a activar dende hai dous anos coa utilización de pratos e envases de cartón reciclable en substitución dos plásticos”, según comentou Francisco Fumega.
A ‘Festa do Pulpo’ celebrarase o domingo 10 de agosto e estará precedida por un amplo programa de actividades culturais e de lecer, entre as que destaca a elaboración da ‘Tapa xigante de pulpo’ ou o ‘Concurso de camisetas’, ademais de concertos e festivais de música.