Neste 2025, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadavia, organismo dependente do Concello, está a colaborar activamente na difusión e promoción de diversas iniciativas internacionais cofinanciadas polo programa Erasmus+, co obxectivo de ofrecer novas experiencias formativas e culturais á mocidade do municipio.
Nestes momentos aínda quedan prazas dispoñibles para participar nalgúns dos proxectos coma, por exemplo, no intercambio xuvenil “EU.YOU.GO IV – European Youth Goals” que terá lugar do 21 de xullo ao 1 de agosto en Ferreira do Alentejo (Portugal). Este proxecto reunirá a participantes de cinco países europeos (España, Italia, Grecia, Lituania e Polonia) para traballar, a través da arte e a expresión escénica, nos Obxectivos Europeos da Xuventude. Queda 1 praza dispoñible para persoas de entre 18 e 25 anos.
Tamén quedan 3 prazas dispoñibles para o Curso de Formación “Between the Lines – Writing the Unwritten Stories” que terá lugar entre o 23 e o 31 de agosto, na rexión toscana de Vinci (Italia), desenvolveranse obradoiros prácticos de teatro e escritura creativa para abordar temáticas sociais invisibles. Poderán inscribirse mozos e mozas que traballen ou colaboren con entidades xuvenís. O prazo está aberto ata o 6 de xullo a través da plataforma SALTO-Youth.
Outra alternativa que achega a OMIX é a do Xogo de rol en vivo “Á sombra do castelo: O legado de Francisca”
que terá lugar o 12 de xullo ás 19:30h no Conxunto Histórico de Ribadavia onde se celebrará esta experiencia inmersiva ambientada no século XVI. Os participantes converteranse en protagonistas da historia local mediante intrigas e misións interactivas. As prazas son limitadas e require reserva previa.
Por outra banda, o Proxecto ESC “Inclusión & Solidariedade en Acción”
dará inicio en setembro de 2025 e terá unha duración de 10 meses. Esta iniciativa que decorrerá en Turín (Italia) está dirixida a 2 persoas interesadas en realizar voluntariado europeo en centros sociais. Inclúe aloxamento, manutención, transporte, seguro e formación.
Seguindo coa oferta de voluntariado, o GES 4 EYG – Voluntariado en Portugal sobre os Obxectivos Xuvenís Europeos ofértase en dúas modalidades (equipo ou individual) entre xullo e agosto de 2025. Un proxecto que ofrece á mocidade de entre 18 e 30 anos a posibilidade de colaborar en accións locais sobre participación xuvenil, comunicación e dinamización comunitaria.
O Concello anima á mocidade de Ribadavia a aproveitar estas oportunidades que lles permitirán viaxar, coñecer outras culturas e adquirir competencias persoais e profesionais nun contexto europeo.
Para máis información e inscricións, pódese consultar a web do OMIX Ribadavia, seguir a súa conta de Instagram (@omixribadavia) ou contactar directamente a través do correo electrónico omix.ribadavia@gmail.com.