Espazo Común solicita información sobre a liña de alta tensión que cruzará O Carballiño

Espazo Común vai trasladar á Corporación Municipal do Carballiño, que se reúne mañá en sesión plenaria, unha moción de urxencia esixindo transparencia e que o Concello apoie técnicamente aos veciños para a elaboración dunhas alegacións fundamentadas ao proxecto de instalación dunha liña de alta tensión que cruzaría o municipio, e que garantan a seguridade da cidadanía e a conservación do patrimonio tanto histórico como natural.

Dende Espazo Común subliñan que a Xunta de Galicia publicou oficialmente a finais do mes de maio varios proxectos relacionados cos novos parques eólicos que se pretenden construir na nosa contorna e con incidencia directa en gran parte do xeografía do noso concello, e tanto é así que, de saír adiante éstes, unha liña de alta tensión cruzaría de punta a punta O Carballiño con afectación especial para as parroquias de Madarnás, Mudelos, A Piteira e Seoane. E tamén capuntan que, “na nosa comarca e nas colindantes tamén incidirá nos concellos de San Cristovo de Cea, Vilamarín, Piñor, O Irixo, Boborás, Beariz, Leiro, San Amaro, Cenlle, Ribadavia e Castrelo de Miño”.

“Nin Xunta nin o Concello do Carballiño tiveron a ben informar aos afectados para que estes poideran formular as súas alegacións dentro dun prazo que remata a primeiros de xullo”, lamentan dende Espazo Común, e engaden que “é sospeitoso e preocupante que algo de tal magnitude se tentara levar pola calada e con total ausencia de transparencia, máis cando algúns deles acudiron ás dependencias municipais a procurar unha información que se lles dixo que non había”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------