A Corporación de Ribadavia aproba por unanimidade a proposta do BNG para declarar a MIT como Ben de Interese Cultural

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Pleno da Corporación Municipal de Ribadavia aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para iniciar os trámites necesarios co fin de declarar a Mostra Internacional de Teatro (MIT) como Ben de Interese Cultural (BIC) no seu apartado de bens inmateriais.

COMERCIAL ORCELLÓN

A proposta, defendida polo BNG na sesión plenaria celebrada o pasado 25 de xuño, salienta o valor singular da MIT como un dos eventos culturais máis antigos, recoñecidos e representativos do panorama teatral galego. Fundada nos seus inicios pola Asociación Abrente, a Mostra consolidouse como un espazo de referencia artística que combina calidade escénica, diversidade cultural, participación cidadá e dinamización do voluntariado.

Durante a exposición de motivos, destacouse o carácter ecléctico e aberto da programación, a implicación activa da veciñanza e o papel esencial de críticos, compañías e profesionais técnicos que cada ano contribúen ao éxito do evento. Así mesmo, subliñouse a importancia do conxunto patrimonial onde se desenvolve, con espazos emblemáticos como o Castelo dos Sarmiento, a Madalena ou a Praza Maior, e a incorporación das parroquias como escenarios de actividades satélites.

A aprobación unánime da moción supón un respaldo institucional claro e firme para que o Concello de Ribadavia inicie formalmente os trámites ante a Xunta de Galicia co obxectivo de recoñecer a MIT como patrimonio cultural inmaterial protexido. Trátase dun paso decisivo para garantir a súa preservación, promoción e proxección internacional, recoñecendo o papel fundamental que xoga no eido cultural galego.

Desde o BNG de Ribadavia, valórase esta aprobación como “un recoñecemento xusto e merecido a décadas de traballo cultural, ao esforzo colectivo de moitas xeracións e ao papel central que a MIT xoga como embaixadora do teatro e da cultura galega no mundo”. Ao tempo, considérase tamén un novo exemplo de como se debe gobernar un Concello: poñendo en valor o propio, apostando pola cultura e actuando con visión estratéxica a prol do ben común.

O BNG reafirma así o seu compromiso cun modelo de xestión pública participativa, sensible á identidade cultural e centrado nas demandas reais da veciñanza. A Mostra Internacional de Teatro celebrará este ano a súa 41ª edición, consolidándose como unha das citas máis destacadas do verán cultural galego e un símbolo vivo da nosa historia teatral.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------