Bernardo Varela “Non podemos permitir que a COVID Persistente caia no esquecemento mentres centos de persoas quedan sen atención nin recoñecemento sanitario“.
Ourense, 25 de xuño de 2025. O grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, compareceron esta maña ante os medios, xunto a membros da plataforma de COVID persistente de Ourense, para abordar a moción que será debatida no pleno da Deputación deste venres 27 de xuño.
Desde a fronte nacionalista no ente provincial reclaman a reactivación da Unidade Multidisciplinar de COVID Persistente no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A formación nacionalista denuncia o desmantelamento progresivo desta unidade pioneira e reclama da Xunta e do SERGAS unha resposta inmediata para garantir atención sanitaria digna e especializada a centos de pacientes afectados.
Na moción presentada, o BNG propón instar á Xunta de Galiza e ao SERGAS a recuperar de maneira inmediata o funcionamento pleno da unidade, dotándoa de recursos humanos e materiais suficientes. Reclaman tamén a cobertura urxente dos postos clave —entre eles os facultativos/as e o persoal de apoio psicolóxico— e a aplicación efectiva dos protocolos específicos para pacientes crónicos, polimedicados e fráxiles, tres características que definen á maioría das persoas con COVID Persistente. A moción tamén pide que se reactiven os programas terapéuticos grupais que se viñan desenvolvendo e que se promova un plan galego integral de atención a estes pacientes, tomando como base a experiencia pioneira da unidade de Ourense.
Durante a rolda de prensa, Eva Rey, da plataformarma de Covid Persistente , denunciou que “a desaparición progresiva da Unidade Multidisciplinar supón un retroceso inaceptable na atención sanitaria a centos de pacientes que quedarán atrapados nun labirinto onde non os recoñecen nin os tratan de maneira axeitada”. Tamén lembrou que a unidade ourensá fora considerada un referente no sistema sanitario galego, chegando a asumir funcións de segunda opinión para toda Galiza. “Agora esa experiencia está sendo desaproveitada, e o persoal especializado, desmobilizado”, lamentou.
Pola súa banda o portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, alerta de que esta situación se insire nun contexto máis amplo de deterioro da sanidade pública galega, con especial gravidade en Ourense. “Temos listas de espera que superan os 80 días para unha intervención, falta de profesionais e cada vez máis derivacións a hospitais privados, como os casos recentes de pacientes enviados a Vigo para operarse”, subliñou Varela, quen tamén fixo referencia ás situacións “bochornosas” vividas no CHUO, con derrubes e inundiacións.
Desde a organización nacionalista tamén se sinala a situación crítica do hospital comarcal de Valdeorras, onde continúa o desmantelamento de servizos esenciais e a sobrecarga de persoal.
Para o BNG, a desatención ás persoas afectadas por COVID Persistente é “outro síntoma do abandono sistemático da sanidade pública”, e advirten de que esta enfermidade crónica, complexa e de sintomatoloxía cambiante require unha resposta estruturada e continuada. “O propio SERGAS dispón de protocolos para pacientes crónicos, polimedicados e fráxiles, pero non aplica ningún deles ás persoas con COVID Persistente. É unha incoherencia sanitaria e unha inxustiza social”, afirmou Varela.
O BNG lembra que moitas das persoas afectadas levan máis de seis meses sen seguimento médico axeitado, sendo derivadas a profesionais sen formación específica, o que pon en risco a súa saúde e prolonga o seu sufrimento. “Esta enfermidade non pode quedar relegada ao esquecemento, nin os pacientes poden ser abandonados á súa sorte”, concluíu o portavoz nacionalista.
A organización reclama á Xunta que se tome en serio esta problemática e reforce, no canto de recortar, os recursos para facer fronte a unha enfermidade que segue afectando a centos de persoas en Galiza, e con especial incidencia en Ourense.