O Servizo de Orientación Laboral do Concello do Carballiño realiza unha intensa labor de asesoramento e formación da poboación desempregada. No primeiro semestre deste ano, os profesionais da unidade atenderon a preto de 800 persoas en busca activa de traballo, entre as derivadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e aquelas que se achegaron voluntariamente en busca de información e asesoramento.
Diana González, concelleira de Emprego e Comercio, destaca a importante función realizada polo equipo do servizo, que xestionou no que vai de ano 21 ofertas de emprego e axudou á inserción laboral de 75 persoas. As ofertas están vinculadas co eido da hostalaría, atención sociosanitaria, limpeza, atención ao cliente, forestal e fabricación-produción.
O servizo tamén se encarga de poñer en marcha distintos programas de formación e emprego público que facilitan a inserción laboral dos participantes. No último ano e medio, 130 persoas formaron parte da oferta formativa: 92 en cursos e 36 en obradoiros de emprego público de duración de 9 meses ou 1 ano. No eido dos obradoiros atópanse o Programa de Emprego de Persoas Mozas (menores de 30 anos), que se leva a cabo no Carballiño por primeira vez, e por outro, o obradoiro dual.
A programación deseñada inclúe cursos dixitais, prevención de riscos laborais para o sector da construción, madeira e metal, competencias clave para ter acceso aos certificados de profesionalidade e obradoiros de xardinaría, carpintería ou albanelaría.
Diana González destaca os bos datos de participación nos cursos e obradoiros. “Hoxe en día, a oferta pública de emprego é moi alta”, apunta. Actualmente, hai dous programas en fase de selección e contratación: o Aprol Rural (inclúe tres contratos de nove meses) e as Brigadas Forestais (inclúe seis contratos de tres meses de duración).
Por outra banda, o Servizo de Orientación Laboral do Concello do Carballiño tamén coopera con iniciativas públicas doutras institucións. Nesa liña, colabora co programa “Yo Emprego Galicia”, dirixido a persoas desempregadas interesadas en poñer en marcha o seu propio negocio, e participa no programa integrado de emprego xunto con outros concellos adxacentes.