O “Colleiteiros Son Festival” abre adegas e viñedos para desfutar do viño do Ribeiro e da música en xullo e agosto

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e Vitivinicultura Artesanal de Galicia propón para os venres e sábados dos vindeiros meses de xullo e agosto o “Colleiteiros Son Festival”, unha iniciativa coa que pretenden abrir ao gran público as adegas e os viñedos dos colleiteiros nas diferenest aldeas e vilas das ribeiras do Avia e do Miño, nas doces noites do verán da comarca vitivinícola. Todo elo amenizado con música e degustación de petiscos a partir das 21,00 horas e por medio duns tiquets, a prezo de 15 euros, que se poden retirar en ataquilla.com.

COMERCIAL ORCELLÓN

A proposta engloba aos colleiteiros Alfredo Fernández, de Adega Pousadoiro; Jorge e Dori, de Adega Celme; Jonatán Pousada, de Adega Casal do Canteiro; Alberto Úbeda, de Adega Cuñas Davia; Xulia Bande, de Adega Son do Arrieiro, e Eladio Rodríguez, da Adega Arco da Vella, nas localidades de Freás, Astariz e Barral, no Ribeiro do Miño, e Beade, A Veiga de Leiro e Cuñas, no Ribeiro do Avia.

Dende a Asociación subliñan que “o verán deixa no Ribeiro días especialmente calurosos que calquera veciño ou visitante poderá gozar á beira dos máis de 15 rios e regatos que bañan esta comarca. A partires das 21,00 horas, o solpor deixa suaves e plácidas noites, nas que os amantes da boa música e dos grandes viños poderán gozar de momentos de especial ledicia nas adegas e viñedos dos colleiteiros. Comeza deste xeito o “Colleiteiros Son Festival”. Deste xeito, a Asociación comeza o verán cun festival onde os amantes dos viños poderán gozar de pequenas producións de gran calidade, cos mellores viños do Ribeiro na compaña de grandes músicos e saborosos petiscos”.

O colectivo que agrupa aos colleiteiros do Ribeiro leva meses traballando nun programa de enoturismo, onde calquera amante do viño, visitante, turista ou curioso poida coñecer de primeira mao aos pequenos produtores, falar con eles, descubrir xoias enolóxicas que só poderán gozar no entorno da súa adega, casa ou viñedo. Esta proposta que se levará a cabo nas adegas e viñedos dos colleiteiros potencia e promove o territorio do Ribeiro ao percorrer os diferentes vales e viñedos de toda a comarca, unha  maneira de potenciar o territorio, o seu patrimonio, as súas viñas e o produto que delas sae.

Así, a Asociación ten como base fundamental que o público en xeral poida estabrecer un encontro cos pequenos produtores nun ambiente distendido, amenizado con propostas musicais de calidade, grupos emerxentes e mesmo consagrados, que aportaran un selo de distinción a este evento. Cada colleiteiro é unha proposta diferente, viños distintos, riqueza plurivarietal e musical, petiscos e propostas culinarias da propia comarca, todo para consagrar un verao no que o viño do Ribeiro e as súas xentes sexan os protagonistas.

“Arrinca deste xeito unha maneira de entender o territorio, as súas xentes, as súas aldeas, na que o viño debe de estar vencellado ao territorio, á cultura e á tradición. Un evento que nace para levar a comarca do Ribeiro ao status de gran zona enoturística de Galicia, dando protagonismo á terra e aos viticultores por riba das modas dos monovarietais. O Ribeiro non é monovarietal, o Ribeiro é plurivairetal: xentes, viñas, terra, castes, auga e música”, apuntan dende a organización.

E conclúen que, no ano adicado ao 75º cabodano da morte de Castelao, “é obrigado lembrar o que dicía a gran figura do galegismo: “Cantou Castelao as excelencias do viño do Ribeiro, viño que fai soñar e fai poesia. Viño que encende e alumea o esprito, e que deixa o corpo san”. Deste xeito os colleiteiros pretenden devolverlle ao Ribeiro o lugar que ocupa na historia de Galicia, un viño de pequenos produtores curandeiros dos problemas da alma e do corpo”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------