O Psdeg-Psoe de Ribadavia denuncia a “falta de previsión” da consellería de educación

O Psdeg-Psoe de Ribadavia denuncia a “falta de previsión” da consellería de educación e esíxelle que dote canto antes os rapaces dos colexios do municipio de conexións e equipos informáticos para traballar de xeito telemático

Publicidade

Os socialistas critican que non se aproveitase os meses de pandemia para prever que rapaces non contaban con conexión de banda ancha ou de equipos informáticos para traballar a distancia

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, sinala que “o peche do colexio da Alameda deixou ao municipio sen solucións para facer fronte a segunda onda e tomar medidas como o desdobramento de aulas”

 O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia a “falta total de previsión” da Consellería de Educación, que nas últimas semanas se está dedicando a facer enquisas aos pais e nais para coñecer que familias dispoñen de posibilidades de acceso a Internet e de dispositivos informáticos para realizar as tarefas escolares de xeito telemático. Os socialistas critican que non se aproveitase a pandemia para coñecer de primeira man que familias tiñan acceso a banda ancha e cales non, para poder dar solucións antes do comezo do curso escolar.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que “son moitas as familias que non só non poden permitirse o acceso a Internet, senón que teñen varios fillos e non poden ter posibilidade de adquirir un equipo por fillo”. Unha situación para que os socialistas creen que “faltou traballo previo” e denuncian que esta “falta de previsión prexudica seriamente as crianzas do municipio”. Actualmente, os cativos e cativas traballan de xeito virtual, pero son moitos os que non teñen accesos a estes servizos. “Agora chegan as presas, cando estamos inmersos nunha nova onda, que xa se podía prever e a que chegamos mal, tarde e arrastro”, afirma o voceiro socialista, Ignacio Gómez.

O voceiro tamén denuncia que Ribadavia tamén se ve afectada polo peche do colexio da Alameda que “as autoridades educativa tiveron moita presa en pechar, sen pensar que podía ser unha solución aos problemas que se están detectando”. Gómez Pérez afirma que actualmente hai problemas de ventilación nas aulas, “xa que están abertas e os nenos e nenas sofren o frío e o risco de coller gripes e catarros ante esta situación, na que mesmamente teñen que poñer mantas para poder seguir o día a día nas aulas”.

Os socialistas critican que co colexio da Alameda aberto, podería estarse a traballar doutra maneira, con desdobramentos de aulas, aproveitar para desinfectar e limpar unhas aulas e empregar outras libres ou permitir clases máis personalizadas coa presenza de menos alumnos o producirse un reparto nas diferentes aulas. “Este peche implica un aforro moi importante para a Consellería, que deixa de gastar en calefacción, electricidade, impostos ou material de limpeza, pero supón un atraso e unha discriminación a vila de Ribadavia”, explica Ignacio Gómez, que finaliza “co que se aforran con este peche, poderían facer compra de material informático para as crianzas da vila”.