O Grupo municipal do BNG solicitará a convocatoria urxente da Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible da cidade de Ourense co obxecto de abordar a situación urbanística do edificio e que á mesma sexan convocados, para a súa comparecencia, os técnicos presentes no expediente e os promotores do inmóbel
Ourense, 30 de xuño de 2025. Aproveitando a creación o pasado mes de febreiro por parte do Concello da denominada Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible da Cidade de Ourense e tendo en conta que un dos seus obxectivos é que “servirá como un espazo de comunicación e análise, onde se poderán discutir e resolver incidencias relacionadas coas actuacións urbanísticas”, o Grupo municipal do BNG solicitará en Pleno a súa convocatoria para abordar unha incidencia urbanística que leva, segundo os nacionalistas “demasiado tempo sen resolverse e que mesmo propicio a creación dunha Comisión de Investigación pechada en falso, todo hai que dicilo”.
O BNG fai referencia ao edificio construído na rúa Cardenal Quevedo nº1 e popularmente coñecido como edificio dos Franciscanos, inmóbel cuxos promotores non entenden como coa mesma normativa, outras licenzas semellantes foron informadas favorablemente e a deles non. Insisten, reiteradamente, e así o evidencian con até tres informes distintos, que o seu edificio cumpre escrupulosamente coa legalidade vixente.
Para o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara “a situación xa é grave de por si, sen que por parte do Concello se arbitre ningunha solución desde hai anos, e ademais temos que engadir que a denuncia dos promotores vai máis alá ao acusar directamente a funcionarios municipais e a Concelleiras e Concelleiros da Corporación presentes e pasados, de estar cometendo xa non soamente irregulariedades administrativas senón presuntos delictos de prevaricación”.
Segundo Seara, “as reiteradas manifestacións verquidas polos promotores en diferentes medios de comunicación nas que se cuestiona o funcionamento e mesmo se fala de prácticas corruptas na Concellería de Urbanismo, afectan á imaxe e a credibilidade de todo o Concello no seu conxunto” e engade, “as acusacións a técnicos municipais e a Concelleiras e Concelleiros, son da suficiente gravidade como para que desde o Goberno Local se tivesen adoptado as medidas legais oportunas para a defensa dos intereses, da imaxe e da honorabilidade da institución”.
Á vista dos feitos, para o BNG semella pertinente que se convoque a Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible co obxectivo de “pórlle fin a esta situación e evitar que as denuncias públicas sigan menoscabando a imaxe da institución ou podan supor no futuro, o pago de indenmizacións millonarias ás que terá que facer fronte o Concello no caso de que a xustiza puidera estimar as pretensións dos promotores”.