A Xunta incrementa un 17% a súa aportación aos colectivos veciñais da provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a sede da asociación de veciños Bon Xesús, da localidade de Ceboliño, pertencente ao municipio da capital, para anunciar as obras de acondicionamento do seu local social e a adquisición de novo equipamento.

Publicidade

O delegado territorial explicou que esta actuación contou cunha achega de 17.000 euros da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, dentro do plan específico de acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

Gabriel Alén lembrou que as achegas deste plan no ano 2021 supuxeron un incremento do 17% con respecto ao ano anterior, deixando na provincia de Ourense máis de 600.000 euros, que beneficiaron a 41 entidades dos municipios de Allariz (2), Beariz, Carballeda de Avia, O Carballiño, Celanova, Cortegada, O Irixo, Leiro, Lobios (3),Melón, Monterrei, Ourense (8), Pereiro de Aguiar (4), A Peroxa (5), Riós (2), Taboadela, A Veiga, Verea, Viana do Bolo (2), Vilamarín, Xinzo de Limia, e Xunqueira de Espadanedo. 

O representante do Goberno galego puxo en valor estas axudas e enmarcounas na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e por todo aquilo que contribúa ao benestar dos cidadáns.

Actuacións

As obras consistirán na reparación e pintado das fachadas lo local veciñal, a construción dun corredor de acceso ao almacén, a instalación de tarima sintética, para desenvolver actividades de ximnasia. Tamén se reformou a instalación eléctrica do local, colocando luminarias de urxencia e luminarias LED de baixo consumo.

En canto ao equipamento, levarase a cabo a adquisición dunha televisión, moi demandada polos veciños, e incorporaranse  bancos de madeira, cadeiras e mesas.