O Concello do Carballiño aposta polas novas tecnoloxías para achegarse á cidadanía, axilizar trámites e facilitar o uso de servizos municipais. Actualmente, preto de 30.000 persoas consultan diariamente as diferentes canles oficiais (redes, WhatsApp, app e web) para consultar a programación do municipio, os cursos e obradoiros dispoñibles, os avisos sobre subvencións ou os prazos de axudas públicas.
Isto supón que O Carballiño consegue chegar cada día ao dobre da súa poboación, nunha aposta por manterse conectado coa veciñanza, con persoas de concellos adxacentes, con turistas e con emigrantes. Máis de 17.000 persoas seguen as redes sociais do Carballiño (Facebook e Instagram) para coñecer as novas máis relevantes do municipio.
Por outra parte, o goberno local puxo en marcha o pasado setembro dúas ferramentas gratuítas para a veciñanza: a aplicación do Concello do Carballiño e a canle de WhatsApp. A aplicación do Concello conta con preto de 3.000 descargas, o que dá conta da boa resposta por parte da poboación. “Empezamos en setembro co pádel, e está funcionando moi ben, é moi cómodo, a xente xa non ten que chamar”, sinala José Castro-Gil, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes. A través da aplicación, os usuarios poden facer as reservas, así como abrir a porta da pista e acender as luces.
Neste momento, os usuarios da app tamén poden acceder ás entradas e abonos da piscina municipal. Castro valora positivamente a afluencia deste verán: “O domingo pasado chegamos ao límite do aforo”. A aplicación inclúe os cursos de inglés de verán, que tamén se poden reservar, e a inscrición para a Carreira Popular do Pulpo, que se levará a cabo o próximo 19 de xullo. “É unha ferramenta moi útil, que facilita o acceso por parte da cidadanía e que tamén nos facilita a nós a comunicación coa poboación. Por exemplo, se un curso se atrasa de hora ou se cancela, podemos enviar un mail directamente a cada unha das persoas inscritas”, apunta.
A canle de WhatsApp, pola súa banda, permite un contacto máis rápido coa veciñanza. Preto dun milleiro de persoas xa están inscritas. “A través do WhatsApp informamos de actividades, concertos, avisos meteorolóxicos, prazos de subvencións…”, explica Diana González, concelleira de Emprego e Comercio e unha das edilas encargadas da canle, que supera o medio milleiro de subscritos. O obxectivo é que cada vez sexan máis as persoas que se suman a este medio de comunicación, xa que permite maior inmediatez en cuestións de relevancia como alertas ou avisos meteorolóxicos. Para sumarse á canle basta con subscribirse a través deste link: https://whatsapp.com/channel/0029VajP9CEKwqSVMfmUyc1p.
As visitas diarias á páxina web do Concello, a canle primixenia de comunicación, tamén son moi numerosas, xa que permite a realización de trámites, consulta de documentos ou inscrición en rexistros municipais. Estas visualizacións, sumadas ás do resto de canles, logran que O Carballiño alcance os 30.000 fogares diariamente.