O Concello do Carballiño presenta as alegacións ao proxecto de liña de alta tensión que afectará a pobos do municipio

Tal e como se acordou na sesión plenaria da pasada semana, e como previamente acordara o goberno local cos veciños afectados, o Concello do Carballiño rexistrou hoxe as alegacións contra o proxecto de infraestruturas de alta tensión ao seu paso polo municipio, concretamente polas parroquias de Seoane, Arcos, A Piteira, Mudelos e Madarnás e próxima as localidades de Mouriz, A Granxa, Saa, Seoane, A Bubela, Paciños e A Eirexa.

A través de cinco alegacións, desenroladas ao longo de 25 folios, o Concello argumenta o rexeitamento total ao anteproxecto presentado por consideralo nocivo no ámbito da saúde, do patrimonio natural e arqueolóxico o no seu enorme impacto visual. Ademais de presentar as alegacións, o Concello tamén asesorará aos veciños na defensa dos seus intereses, tal e como se aprobou na última sesión plenaria a través dunha declaración institucional proposta polo goberno local e que foi apoiada por todos os grupos.

Na primeira alegación cuestiónase a xustificación do trazado e a non observancia das recomendacións e solucións legais tendentes a afastar os parques eólicos e as liñas de distribución dos núcleos de poboación.

Na segunda pídese un estudo hidrolóxico que determine o alcance da infraestrutura sobre os recursos hídricos, mentres que na terceira se considera incorrecta a cualificación como “moderado” do impacto sobre a vexetación e o hábitat da zona, onde ademais se elimina unha superficie considerable de masa forestal. Por todo elo, considera a alegación que a cualificación do impacto debe ser a de “severo”.

Na cuarta alegación denúnciase a ausencia dun apartado dentro do anteproxecto relativo aos elementos do patrimonio cultural, e, na quinta e última, proponse o soterramento de toda a liña ao seu paso polo muncipio do Carballiño.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------