O Parque do Carballiño acolle dende mañá as tradicionais sesións de baile para maiores

O Concello do Carballiño pon en marcha unha das iniciativas de lecer máis esperadas pola poboación coa chegada do verán, as sesións de baile para maiores nas tardes dos domingos. O Parque Municipal volve acoller os domingos de xullo e agosto esta actividade, á que acoden numerosos veciños do Carballiño e da contorna. Coma é tradicional, estas xornadas de divertimento para as persoas maiores desenvolveranse na pista central do Parque do Carballiño, con acceso totalmete libre e gratuíto.

“Outro ano máis, e xa van máis de vinte, retomamos os bailes para maiores. Todos os que queiran bailar, que se acheguen, que vai haber música en directo”, detalla Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais.

As sesións comezarán mañá e estenderanse ata o último domingo de agosto, o día 30, cun horario de 19,00 a 21,00 horas, e, en cada unha delas, o baile estará amenizado por unha agrupación musical distinta. “É un entorno moi agradable e fresco, pensado para que os participantes desfruten e se divirtan”, engade Silvia Baranda.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------