O Carballiño voltou este domingo a acoller un ano máis, e xa son 27, a xornada de convivencia familiar anual de Special Olympics Galicia, a federación que agrupa aos colectivos de discapacitados intelectuais de Galicia. Foron ao redor de 800 as persoas que se achegaron ata a nosa vila dende diferentes puntos das catro provincias para desfrutar dun amplo programa de actividades de lecer na paraxe natural.
A esta xuntanza reivindicativa asistiron os concelleiras Rosa Fuentes e Lorena Castro e o concelleiro Diego Fernández, en representación do Concello carballiñés; directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; a deputada provincial de Servizos Sociais, Patricia Torres; o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández, e Josefa Rodríguez, presidenta de Aspadisi, a entidade anfitriona.
Na “27ª Convivencia Familiar Special Olympics Galicia” participaron 684 persoas procedentes de 19 asociacións das catro provincias, sendo 386 persoas con discapacidade intelectual, 189 familiares, 60 técnicos e 30 voluntarios destas entidades, que comezaron a chegar ao Parque municipal ao fío das 10,30 horas, e foron recibidos co saúdo das autoridades unha hora máis tarde.
Xa dende a primeira hora, a pista central do Parque transformouse nunha discoteca ao aire libre coa animación do DJ Tibu, nun primeiro pase musical antes do xantar. A festa continuou pola tarde e celebrouse o tradicional concurso de repostería; xogos de mesa e a entrega de premios do certame gastronómico, unha clausura na que participou o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal.
Actualmente, son 41 as asociacións integradas en Fademga. Entre os seus obxectivos, destaca a consecución dunha plena inclusión social, laboral e familiar das persoas con discapacidade intelectual, o fomento da constitución de asociacións, a divulgación de información que poda ser de interese ou a denuncia dos casos que vulneren os seus dereitos persoais ou sociais.