
O vindeiro sábado, día 12 de xullo, O Carballiño vivirá unha xornada de moita troula coa celebración do seu ‘Entroido de Verán’, que combina tradición, humor e moita participación popular. O programa comezará ás 20,00 horas co Gran Desfile de Comparsas, cun itinerario que cruzará parte do centro do casco urbano, concretamente, dende a Praza da Veracruz ata a Praza Maior, enchendo as rúas de alegría e disfraces.
Neste precorrido participarán as agrupacións ‘Os Arreiriños’ de Dacón; ‘Os Azucarados de Maside, ‘Os Nevadiños’ das Neves de Grixoa (San Amaro); ‘Amigos de Partovia’; ‘Os Picapezas’, de San Cristovo de Cea; ‘Os da Caña’, de Marín (Pontevedra); Parada de Amoeiro, e dúas comparsas da A.VV. da parroquia de Mandrás (Cea).
Unha vez rematado o desfile, a celebración trasladarase á Praza Maior, onde a Disco Apocalipsis On Tour ofrecerá un dobre pase musical. O primeiro será de 21,30 a 22,30 horas, e, o segundo, de 23,30 a 01,30 horas, cun espectáculo de música e animación que converterá o centro da vila nun gran punto de encontro festivo.
Co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento do evento, as distintas áreas do Concello do Carballiño implicadas na organización xa mantiveron reunións de coordinación coa Policía Local, servizos de Emerxencia e outros organismos implicados, para activar un dispositivo de seguridade que permita gozar deste ‘Entroido de Verán’ con todas as garantías tanto para os participantes como para o público asistente en xeral.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, anima “a todo o mundo a achegarse e pasalo ben nun Entroido de Verán que facemos entre todos e para todos, co obxectivo de encher O Carballiño de ambiente, música e bo humor; traendo a esta tempada de verán unha tradición como a do Entroido, que tanto nos gusta”.
O Entroido de Verán 2025 promete ser, un ano máis, unha gran cita aberta a toda a veciñanza e visitantes, cun ambiente único e o espírito entroideiro por bandeira.