Rehabilitación da pista polideportiva de Beariz

A Xunta colabora co concello de Beariz na rehabilitación da pista polideportiva do concello que contou cunha axuda de preto de 34.000 euros

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello, acompañada do alcalde, Manuel Prado, onde indicou que o concello nos últimos anos recibiu axudas da Vicepresidencia por importe de case 580.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou o concello de Beariz, onde acompañada polo seu alcalde, Manuel Prado, comprobou in situ as melloras levadas a cabo coa rehabilitación da pista polideportiva do concello, que contou cunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público que ascendeu a case 34.000 euros. A Xunta xa convocou esta Orde para este ano cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior.

A pista polideportiva situada na paraxe da Goberna, foi a primeira instalación deportiva con que contou o Concello de Beariz. Foi construída no ano 1985 polo que co paso do tempo e polas adversas condicións meteorolóxicas procede a súa rehabilitación. Entre outras actuacións levou a cabo o desmonte do cerramento perimetral existente e construción dun novo cunha altura de 4 metros, limpeza da pista existente, con medios adecuados para eliminar calquera tipo de sucidade existente, aplicación dun novo pavimento e colocación de novas redes.

O concello de Beariz recibiu nos últimos anos axudas da Vicepresidencia da Xunta por importe de case 580.000 euros, que foron destinadas a obras de conservación da biodiversidade, acondicionamento da Carballeira de Doade, acondicionamento da Carballeira de Santo Domingo, instalación geotérmica na casa do concello, pavimentación de rúas e varias actuacións de eficiencia enerxética, así como o acondicionamento das zonas recreativas en Beariz e Magros

Marta Fernández-Tapias sinalou que a colaboración entre a Administración autonómica e a local permite levar a cabo actuacións que repercuten en melloras para o día a día dos cidadáns. Nesta liña, incidiu en que a Xunta mantén un diálogo fluído cos concellos galegos, en tanto que son a administración máis próxima a cidadanía e, polo tanto, a que mellor coñece as demandas e necesidades dos seus veciños.