O Carballiño honra a figura dos arrieiros cunha escultura do artista Eladino Cabanelas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Carballiño vén de instalar unha nova escultura que rende homenaxe á figura dos arrieiros, tan vencellada á historia e identidade da vila. A obra, encargada ao artista ourensán Eladino Cabanelas, foi colocada xusto ao carón da Casa do Concello e representa un tributo visual e simbólico a un oficio clave no desenvolvemento económico e cultural do Carballiño.

COMERCIAL ORCELLÓN

A escultura, elaborada en aceiro corten —un material que destaca pola súa oxidación natural co paso do tempo—, mostra actualmente un perfecto ton marrón que evolucionará esteticamente coa acción dos elementos. A escena representada conta cun arrieiro e dúas mulas, e está organizada en dous niveis: no inferior, o arrieiro guía a primeira mula, mentres que no superior aparece a segunda mula, atada á anterior, creando unha sensación de movemento ascendente cara ao edificio do Concello.

Este deseño evoca unha imaxe tradicional que forma parte da memoria popular do Carballiño, cando os arrieiros se detiñan a dar de beber aos animais na fonte situada na praza, antes de continuar camiño. A localización da escultura, subindo cara ao consistorio, simboliza ese traxecto histórico.

A peza inclúe, ademais, dous elementos gravados de gran valor simbólico: nunha das mulas pode lerse o ano de inauguración, 2025, e na outra figura un alalá que canta aos produtos tradicionais da vila e da comarca, facendo tamén referencia ao emblemático Pan de Cea.

Con esta obra, o Concello do Carballiño amosa unha vez máis o seu compromiso coa recuperación e posta en valor da historia local, promovendo a cultura como ferramenta de identidade e cohesión social.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------