O PSOE de Punxín demanda a compra e rehabilitación de vivendas para aluguer social

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria para solicitar da Xunta de Galicia Á adquisición e rehabilitación de vivendas destinadas ao aluguer social no municipio. As e os socialistas consideran “imprescindible” que o goberno galego cree unha liña específica de actuación para o concello, que contemple a adquisición de inmobles abandonados e se proceda a súa rehabilitación con fondos públicos para posteriormente incorporalos ao parque público de vivendas.

Dende o grupo municipal socialista sinalan que o acceso a unha vivenda digna e adecuada “é un dereito recoñecido constitucionalmente e unha necesidade social básica, que afecta directamente á calidade de vida e benestar das persoas”. Neste senso apuntan que no contexto actual “son moitas as familias e persoas en situación de vulnerabilidade que se enfrontan a dificultades a hora de acceder a un alugueiro asumible”, especialmente no ámbito rural, onde a falta de oferta pública de vivenda “se agrava polo abandono progresivo e a despoboación”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, explica que Punxín, ao igual que outros moitos concellos do rural galego, “conta cun importante número de vivendas deshabitadas e en estado de abandono, que poderían ser recuperadas para a súa posta en uso como vivendas sociais en réxime de aluguer, contribuíndo non só a garantir o acceso a un fogar digno, senón tamén a fixar poboación”.

“Xerar vivenda de aluguer no rural é un mecanismo efectivo para fixar poboación e que reabran outros servizos na contorna”, subliña Peleteiro Vázquez. A voceira socialista tamén destaca que esta moción “pretende fomentar a implantación de novos veciños e veciñas en Punxín, a través da posta en valor e rehabilitación do parque de edificios e vivendas, nunha zona afectada polo despoboamento”. Asemade tamén afirma que o despoboamento “é xa un mal endémico da nosa provincia e de Punxín, , erixíndose nunha das principais ameazas de cara ao futuro, polo que é urxente adoptar medidas para poñerlle freo”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín lembran que a Xunta de Galicia “dispón de competencias e programas en materia de vivenda e rehabilitación, sen embargo, a inversión neste tipo de actuacións é claramente insuficiente, especialmente nos municipios rurais, polo que se fai necesario solicitar a súa implicación neste ámbito en concellos como o noso”. Asemade tamén recalcan que a rehabilitación “entóxase como unha valiosa ferramenta para aumentar a oferta de vivenda e atraer novos veciños, seno a obriga da política, e neste caso do concello de Punxín e da Xunta, exercicio responsable dun rol facilitador e dinamizador a través dos nosos concellos”.

O parque de vivendas da provincia de Ourense é un dos máis envellecidos de Galicia, cunha media de 45 anos de antigüidade dos inmobles, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo esta fonte, un total de 34.603 vivendas están baleiras, correspondéndose a meirande parte destas a construcións de máis de 50 anos de antigüidade. Situación que non é allea ao concello de Punxín.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------